Catalunya

ERC e Junts desmárcanse da CUP e renuncian no Parlament a un novo referendo unilateral

A ANC pide ao Parlament que se pronuncie en contra dos pactos das forzas independentistas co PSOE e chama a restituír a DUI proclamada por Puigdemont após a consulta de 2017.
A deputada Montserrat Vinyets foi a encargada de defender a moción da CUP. (Foto: Europa Press)
photo_camera A deputada Montserrat Vinyets foi a encargada de defender a moción da CUP. (Foto: Europa Press)

Xornada frenética na política catalá protagonizada polo pacto de investidura asinado na mañá desta quinta feira por Junts e PSOE. O acordo recolle que a formación encabezada polo ex president Carles Puigdemont proporá a convocatoria "dun referendo de autodeterminación sobre o futuro político de Catalunya amparado no artigo 92 da Constitución", un punto que se podería interpretar como unha renuncia expresa á unilateralidade. Xustamente o camiño que quere seguir a percorrer a CUP.

A formación anticapitalista levou hoxe ao pleno do Parlament unha moción que instaba como fin último a redactar unha nova Lei de referendo antes do remate da presente lexislatura (2025), como paso previo á convocatoria dunha consulta vinculante e unilateral como a de 2017. Porén, Junts e ERC deixaron soa a CUP e optaron pola abstención, alegando que só un referendo pactado co Estado español e validado internacionalmente "pode substituír o mandato do 1 de outubro". PSC, Vox e PP votaron en contra, mentres os deputados e deputadas de Ciutadans optaron por abandonar o hemiciclo.

A CUP rexeitou todas as emendas presentadas por Esquerra e Junts ao seu documento, alegando que "diluían demasiado" o contido da proposta. Un dos puntos da moción dos 'cupaires' avogaba por "actuar con soberanía, máis aló dos límites constitucionais e estatutarios, máis aló das restricións impostas polas institucións políticas e xudiciais do Estado, na garantía dos dereitos básicos".

De forma paralela, a Assemblea Nacional Catalana, moi crítica co documento asinado por Junts por consideralo "unha españolización de Catalunya", rexistrou esta mañá no Parlament unha petición para pedir ao hemiciclo que rexeite os pactos das formacións independentistas co PSOE —tamén o de ERC— e, ao mesmo tempo, demandar o levantamento da suspensión da declaración unilateral de independencia (DUI) proclamada por Puigdemont seis anos atrás. "Necesitamos un pacto pola independencia de Catalunya, non un pacto para gobernar o Estado español", censurou a presidenta da ANC, Dolors Feliu.

Comentarios