A investidura de Pedro Sánchez fica nas mans de Junts e do PNV, que alerta de falta de avances en "temas importantes"

O partido de Puigdemont desconfía do PSOE.
Carles Puigdemont, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont, hoxe. (Foto: Europa Press)

O ex presidente da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, reuniuse na mañá de hoxe co secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, no contexto das negociacións para que Pedro Sánchez, da forza estatal, poida sumar os apoios necesarios para ser reelixido no Congreso.

Aínda que a xuntanza rematou sen acordo, medios estatais apuntan que as conversas continúan, nun desacordo focalizado en dous puntos, o alcance da lei de amnistía e a redacción da norma, que apelaría á restauración da convivencia no Estado. Así e todo, tanto Junts como Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), que xa asinou un acordo neste sentido co PSOE, reiteraron que non renunciarán ao dereito de autodeterminación.

Sobre a lei de amnistía, Junts insiste en que se deben incluír os casos de lawfare, un termo que se refire ao uso do sistema xudicial para deslexitimar un rival político. Un dos casos chave sería o de Laura Borràs, presidenta de Junts que foi inhabilitada por unha sentenza de catro anos e medio de prisión que a considera culpábel de fraccionar contratos da Institució de les Lletres Catalanes para outorgarllos a un coñecido, e que ela sostén que se trata dunha persecución política.

Entrementres a axencia Europa Press citou fontes de Junts que acusaron o PSOE de oporse á súa inclusión na amnistía, o negociador de Sumar, Jaume Asens, asegurou que a forza catalá aceptou a exclusión de Borràs.

Tamén explicou que, en relación con ERC, “a diferenza é que Junts quere ir un pouco máis lonxe porque considera que hai unha serie de cousas na proposta do PSOE que non son suficientemente ambiciosas”.

O secretario xeral de Junts, Jordi Turull, enviou unha mensaxe ás persoas que integran a dirección de Junts divulgada polo xornal La Vanguardia na que incide en que o acordo definitivo levará varios días. “Todas as precaucións e garantías son poucas”, salientou, catalogando o acordo ERC-PSOE como baseado no “escaparate”. “O PSOE é especialista en pór auga ao viño unha vez asinado”, afirmou.

Logo de que a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) dera hoxe luz verde a un acordo de investidura co PSOE, a forza estatal precisa fechar os pactos con Junts e o Partido Nacionalista Vasco (PNV) para garantir os apoios necesarios que permitan investir Sánchez.

Aitor Esteban, voceiro parlamentario no Congreso da organización, alertou de que o PSOE non está a “avanzar en temas importantes” para Euskadi, entre os que estarían a transferencia das competencias pendentes e da xestión da Seguridade Social.

Comentarios