O PSOE decide absterse e fará Mariano Rajoy presidente do goberno

Por 139 votos a favor e 96 en contra, o Comité Federal aprobou absterse en segunda votación na investidura de Rajoy. “Absterse non é apoiar”, insiste o presidente da xestora, Javier Fernández. Ferraz negouse verificar as 94.000 sinaturas de militantes pedindo primarias e congreso extraordinario.

PSOE miquel iceta javier fernández
photo_camera Imaxe: PSOE

O PSOE absterase en segunda votación e permitirá que Mariano Rajoy continúe á fronte do goberno español. Esta é a decisión adoptada este domingo polo Comité Federal socialista, onde houbo 139 votos favorábeis á abstención por 96 partidarios de dicir non. A decisión do PSOE obriga todo o grupo parlamentar, remarcaron tanto Elena Valenciano (que defendeu a resolución vencedora) como Javier Fernández (presidente da xestora).

Só 2 dos 11 representantes galegos no Comité federal do PSOE rexeitaron a abstención: Pilar Cancela e Beatriz Sestayo

Non caben, pois, desmarques: nin deputados que abandonen o pleno no momento da votación nin, moito menos, que voten non á investidura de Rajoy. “Absterse non é marcharse na votación, é absterse na votación”, insistiu Fernández. O PSC está no albo das miradas, pois reiterou a súa intención de votar non. O presidente da xestora optou, porén, por non adiantar acontecementos e mandou unha mensaxe aos socialistas cataláns: “Participaron democraticamente na votación. Agardo que asuman os resultados”.

O PSOE ten un problema. A abstención gañou con claridade mais non foi arrasadora e un 40% dos presentes mantiveron a opoción polo non despois destes días de presións e tira-puxas.A maioría das bases semella estar tamén contra a abastención. “Absterse non é apoiar”, insistiu Javier Fernández, que considera que ir a unhas terceiras eleccións “non é bo para o país nin para nós”.

No transcurso do Comité interviron 54 dirixentes. O debate foi 'moderado' polo ex-secreatario xeral de Organización e europatrlamentar Pepe Blanco, partidario da abstención. Non fixo acto de presenza o ex-secreatario xeral, Pedro Sánchez. E o alcalde de Jun, coas súas 94.000 sinaturas de militantes apoiando primarias e un Congreso extraordinario ficou cun palmo de narices. Desde Ferraz non o atenderon.

Pablo Iglesias, ao quite, xa anunciou que con esta decisión nace a 'Gran coligazón' de PP e PSOE, diante da que Podemos, dixo, é a alertantiva.

Comentarios