O PSOE de Cambre pide as competencias en Contratación para entrar no Goberno local

"Entendemos que a persoa que levaba a área de Contratación, e que agora ostenta a Alcaldía, non é posibelmente a persoa máis idónea para desbloquear a situación creada", alertan.
María Pan, nova alcaldesa de Cambre. (Foto: Ceci FP / Diego MFF)
photo_camera María Pan, nova alcaldesa de Cambre. (Foto: Ceci FP / Diego MFF)

Tras a dimisión do alcalde de Cambre (comarca da Coruña), Óscar García Patiño, e a toma de posesión como alcaldesa de María Pan, o PSOE local traslada que a súa condición para reeditar un pacto de goberno é xestionar a área de Contratación, xa que entende que o municipio "necesita un cambio de rumbo para reverter a situación de bloqueo".

"Valoramos o traballo de María Pan, pero entendemos que a persoa que levaba a área de Contratación, e que agora ostenta a Alcaldía, non é posibelmente a persoa máis idónea para desbloquear a situación creada, polo que, pensando na mellor solución para os veciños de Cambre, reclamamos que a área de Contratación pase a ser xestionada polos edís do PSOE como condición para reeditar o pacto de goberno", explican os socialistas nunha nota de prensa.

Aliás, o PSOE xustifica súa abstención no pleno da sexta feira no feito de que o seu voto estaba condicionado a xestionar a área de Contratación, "un punto ao que non accederon". Con todo, móstrase disposto a seguir traballando para "saír da situación de bloqueo administrativo na que se atopa o municipio".

Comentarios