martes 31.03.2020
Política

PSdeG pide á Xunta unha "aposta decisiva" no orzamento para sanidade e política social

Gonzalo Caballero quere pactar un plan de acción urxente que permita dar unha "resposta integral" no ámbito sanitario e en política social na Galiza.
Gonzalo Caballero nunha xuntanza virtual (PSdeG).
Gonzalo Caballero nunha xuntanza virtual (PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, acordar un plan de acción urxente que permita dar unha "resposta integral" no ámbito sanitario e en política social na Galiza.

Gonzalo Caballero lanzou esta proposta na cuarta feira, na que volveu a trasladar ao Goberno galego a vontade das socialistas para facer fronte á situación excepcional provocada pola pandemia da Covid-10, unha disposición que prevé trasladar na quinta feira a Feixoo na reunión da Deputación Permanente do Parlamento da Galiza.

Entre as medidas que propuxo en materia sanitaria, pediu que se aposte por unha contratación estábel de todo o persoal sanitario dispoñíbel no país. "Hai que cambiar o sistema de contratación de listas para ofertar desde xa mesmo un contrato estábel para os próximos meses e darlle seguridade ás profesionais", sinalou Caballero, consciente de que "esta crise non se vai a solucionar en días ou semanas".

Ao mesmo tempo, considerou que a Xunta debe seguir comprando recursos e materiais coas competencias que "lle son propias". "Hai que facer unha aposta decisiva tamén desde o ámbito orzamentario en política sanitaria e política social", sostivo antes de sinalar que a Xunta mesmo pode "recorrer a fondos europeos" para estes fins prioritarios.

"Necesitamos recursos humanos estábeis, todos os profesionais que se poden incorporar deben de ter un contrato estable enriba da mesa para os próximos meses; e tamén un esforzo vía orzamentaria para contratar material", subliñou.

Medidas en política social

En materia de política social, o líder das socialistas galegas tamén considerou necesario incrementar os esforzos en material e recursos humanos ante a detección de contaxios por Covid-19 en residencias de maiores e de persoas con discapacidade.

"Son escenarios de alta complexidade que exixen da maior certeza e dilixencia por parte das institucións públicas e da Xunta, que ten as competencias en garantir a sanidade" destes centros, sostivo o dirixente socialista, que mostrou a súa preocupación por casos como o da residencia de Celanova.

Caballero pediu ao Goberno galego que "traballe ao carón dos concellos" que exercen "boa parte das xestións de políticas sociais" e claman "por material e en mellores condicións". E é que, na súa intervención, o socialista asegurou que aínda que os consistorios "están a recibir estes días reforzo de material" detectan que "non só é insuficiente" senón que nalgúns casos é "deficiente".

O socialista asegurou que lanza estas propostas con "ánimo construtivo" e "lealdade" á Xunta. "Porque sabemos que este escenario non era previsíbel para ninguén", manifestou antes de considerar que desde a Administración galega "pódense facer máis cousas".

comentarios