Unha crise sen control parlamentario

O contexto actual da Galiza non ten precedentes na historia da democracia. O Parlamento galego foi disolto para a celebración duns comicios suspendidos e sen nova data fixada, nun contexto de incerteza pola posíbel ampliación do actual estado de alarma. Nesta situación, os partidos reclaman que a Deputación Permanente, o órgano que vela polos poderes da Cámara, vexa ampliadas as súas funcións.
Unha sesión da Deputación Permanente (Imaxe: Europa Press)
photo_camera A última sesión da Deputación Permanente tivo lugar o pasado 6 de marzo (Imaxe: Europa Press)

O 11 de febreiro o Diario Oficial da Galiza recolleu a disolución do Parlamento da Galiza e a convocatoria dos comicios, previstos para o 5 de abril. Porén, o contaxio crecente de cidadás pola COVID-19 derivou, despois de que o Goberno estatal decretase o estado de alarma, na súa suspensión.

A Lei orgánica do réxime electoral (Lorex) fixa en 54 días o prazo máximo desde que se disolve a Cámara e se celebran as eleccións. Entre o 11 de febreiro e a posíbel fin do confinamento terán transcorrido 61.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, trasladou a súa intención de fixar unha nova data dos comicios dous meses tras a fin do estado de alarma, no mes de xuño, ou a comezos do outono. En ambos casos esténdese o tempo no que Galiza non contaría cun Parlamento máis alá do previsto pola Lorex.

Coa Cámara disolta, é a Deputación Permanente o órgano que vela polos seus poderes. "O seu regulamento está recollido no do propio Parlamento dun xeito bastante esquemático", explica a profesora en Dereito Administrativo, Alba Nogueira, a Nós Diario.

Este órgano encárgase de exercer o control da lexislación delegada, pode autorizar orzamentos extraordinarios ou transferencias de crédito, entre outras cuestións. "As súas funcións de control ao Goberno están moi reducidas", apunta Nogueira.

Así, os partidos políticos da oposición veñen solicitando a convocatoria deste organismo para debater a posíbel ampliación das súas capacidades. "Nunca se dera un contexto coma este, mais o máis probábel é que se pacten unhas normas de funcionamento durante o decorrer deste período entre a Xunta de Portavoces e a Mesa da Deputación Permanente", avanza a profesora de Dereito Administrativo. 

Comparecencia do presidente

A finais desta semana está prevista a comparecencia do presidente Núñez Feixoo na Deputación Permanente para dar conta das medidas adoptadas pola Xunta na xestión da COVID-19. "A partir de aí, os grupos parlamentarios falarán sobre o funcionamento deste órgano", adiantan desde o Partido Popular.
Ao tempo que asegurou a convocatoria deste órgano o día 20 de marzo, Núñez Feixoo tamén informou do nomeamento de doce altos cargos que foran cesados para concorrer nas listas do Partido Popular o 5 de abril.

De cara á vindeira sesión, o viceportavoz do PSdeG, Luís Álvarez, avanza que desde o seu partido traballarase nun acordo de "consenso" para dotar este organismo "dun funcionamento extraordinario para o control parlamentario da acción do Goberno".

Pola súa banda, o Grupo Común de Esquerda achegará unha proposta de funcionamento, na que inclúe a celebración dunha sesión semanal ou a posibilidade de aumentar as cuestións ao Goberno. Ademais, suxire a celebración dunha sesión "exclusiva e específica" para elaborar un "plan de choque de carácter económico" para paliar os efectos do confinamento entre a poboación.

Tamén o BNG solicita unha sesión semanal deste organismo, así como a comparecencia do presidente da Xunta "cada quince días". Pontón trasladou que é preciso que a Deputación Permanente teña un funcionamento o máis completo posíbel, cualificando o contexto actual de "anomalía democrática".

"É importante que o poder lexislativo que máis representa a vontade popular teña un papel activo para saír canto antes desta situación de emerxencia”, declarou a líder do grupo nacionalista.

Por último, desde En Marea sinalan que agardarán á Xunta de Portavoces para compartir as súas propostas e piden centrar esforzos en "controlar que a acción do Goberno sexa o máis eficaz posíbel na loita contra o coronavirus". 

Comentarios