Política

A Xunta pon a funcionar dúas "residencias integradas" para maiores con coronavirus

O presidente da Xunta anuncia que todas as usuarias de residencias de maiores que den positivo nas probas da COVID-19 serán trasladadas a estes novos centros e que se "tutelarán" as residencias privadas.
Residencia de maiores Porta do Camiño, en Compostela (Xunta).
photo_camera Residencia de maiores Porta do Camiño, en Compostela (Xunta).

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta terza feira a posta en marcha de dúas "residencias integradas", un novo concepto para centros "medicalizados ao máximo" que atenderán a persoas maiores que den positivo en coronavirus estando nunha residencia de anciáns e a discapacitados na mesma situación que até o momento estivesen en centros de internamento específicos. 

Feixoo asegurou que se trata dunha medida para "tratar de forma máis medicalizada aos maiores que den positivo nos tests" e lograr que "teñan un coidado máis directo". Con todo, desde o Goberno galego matizaron que non todos os positivos se van trasladar a estes centros, se están ben tratados e poden ser illados correctamente poderán permanecer na súa residencia habitual. 

Así, estes centros estarán sometidos a un "control sanitario máis intenso". De momento haberá dous, un para Pontevedra e Ourense e outro para Lugo e A Coruña. 

Desta maneira, o presidente galego explicou que a Fundación San Rosendo cedeu as instalacións da súa residencia en Baños de Molgas, que estaba baleira, e que conta con 93 prazas. "En menos de 48 horas puxemos en funcionamento esta residencia integrada", manifestou Feixoo, que avanzou que as usuarias da residencia San Carlos de Celanova con COVID-19 xa están a ser trasladadas a este centro, que será o referente para os casos de Ourense e Pontevedra.

Para os casos de maiores con coronavirus na Coruña e Lugo, a Xunta empregará a residencia de maiores Porta do Camiño, en Compostela, que conta con 84 prazas. "Se trasladará ás usuarias ao hotel Congreso, no concello de Teo, e se desinfectarán as instalacións para acoller a estas persoas", apuntou Feixoo. 

"Trasladaremos paulatinamente a persoas con patoloxías previas e positivos en coronavirus a estas dúas residencias integradas", detallou o presidente da Xunta, para aclara que "co agravamento das súas condicións serán trasladadas aos hospitais onde serán tratadas". 

Feixoo fixo un "chamamento á tranqulidade" ás familias dos residentes e ás propias usuarias e asegurou que "A Xunta seguirá vixilante" e "denunciará situacións anómalas" que detecte nestes centros onde se atopan persoas de "máxima vulnerabilidade". Neste sentido, recalcou que o Goberno galego informa á Fiscalía "cada vez que se nos require" e confirmou que están a recibir peticións de información por parte de este órgano sobre se as residencias contan co material de protección necesario para evitar os contaxios. 

"As profesionais das residencias están facendo un bo traballo tratando un virus descoñecido", defendeu Feixoo, quen lamentou que "as cifras de contaxiados crecerán" porque se trata de persoas moi vulnerábeis. "Pedimos rigor para xestionar as dificultades engadias e tamén confianza nas profesionais que seguen coidando a todas estas usuarias", engadiu. 

Das 22.400 usuarias de residencias na Galiza, a Xunta confirma que hai 57 positivos e outras persoas agardando os resultados das probas de coronavirus. Isto tradúcese en que das 291 residencias do país (223 de maiores e 68 de discapacidade) hai casos en oito delas. 

O Goberno galego "tutelará" as residencia privadas 

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que "todas as residencias de maiores ou de internamento de discapacitados privadas pasan a ser tuteladas" desde esta terza feira e quedan "baixo o seguemento das autoridades sanitarias".

"Os xestores privados son responsábeis do mantemento, organización e de seguir o protocolo que se exixe nestes momentos", matizou Feixoo. Mais estes centros privados "teñen a obriga de comunicar dúas veces ao día a súa situación" ao Goberno galego para que faga un seguimento axeitado. 

Todas estas medidas forman parte do novo protocolo pactado o domingo na videoconferencia de presidentes dos diferentes territorios do Estado co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e inclúe as medidas publicadas no Boletín Oficial do Estado

Feixoo recoñeceu que antes de manter esta xuntanza houbo "certa confusión" entre as competencias de cada Administración e quixo aclarar, a respecto da residencia de Celanova, que a Xunta reclamou a axuda do Exército, en concreto da UME, pensando que podería atender ás usuarias; pois non estaba claro, como o está agora, que as funcións da UME só afectan á desinfección exterior nestes centros. 

Urxen máis tests e respiradores

Por outra banda, Alberto Núñez Feixoo incidiu en que a falla de material é "o principal problema desde o inicio" da pandemia do coronavirus e pronosticou que o material "contratado" e "prepagado" pola Xunta "pode estar na Galiza o sábado". Mais aclarou que "hai tensións permanentes" no mercado. 

"A tensión de onte era o número de tests", recoñeceu, "podemos ter máscaras suficientes, creo que si, aínda hai dificultades coas batas… penso que podemos ter luvas, aínda que sempre vai haber tensións".

O máis preciso neste momento, segundo trasladou Feixoo, son test para realización das probas da COVID-19 e respiradores mecánicos e volumétricos para poder ampliar as camas de UCI nos hospitais. 

Feixoo interpelou ao Goberno do Estado sobre en que semana se vai producir o pico do coronavirus na Galiza que se está a producir estes días en Madrid e sostivo que "de momento" non ten esa información. 

En caso de ocupación exponencial dos hospitais está previsto "empregar quirófanos como unidades de reanimación e de UCI", segundo explicou Feixoo, que tamén indicou que a previsión total de camas necesarias en hospitais na Galiza cando chegue o pico de contaxios é de "4000 camas durante varios días, máis dunha semana", que terán que ser destinadas exclusivamente a pacientes con coronavirus. 

Comentarios