O PSdeG reúnese este sábado para fixar a data das primarias en que se decidirá o candidato socialista á Xunta

O órgano executivo dos socialistas galegos, que se reunirá en Santiago de Compostela, estabelecerá as datas das eleccións primarias e o resto de procedementos estabelecidos na normativa interna do partido para afrontar este proceso.
José Ramón Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero, os posíbeis candidatos ás primarias do PSdeG (Fotos: M. Dylan / Europa Press e PSdeG).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero, os posíbeis candidatos ás primarias do PSdeG (Fotos: M. Dylan / Europa Press e PSdeG).

O PSdeG reúne este sábado, día 29 de xullo, á súa executiva para fixar a data das eleccións primarias nas que os militantes do partido poderán escoller ao candidato para presidir a Xunta da Galiza.

Así o informou a formación socialista nun comunicado, no cal lembra que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xa adiantou no último comité nacional galego, decorrido o pasado 11 de xuño, que as primarias socialistas terían lugar unha vez que finalizase o proceso electoral das xerais.

O obxectivo, sinala, era que o partido estivese preparado e coas estruturas a punto para afrontar, se for o caso, unha convocatoria anticipada destes comicios.

Deste modo, o órgano executivo dos socialistas galegos, que se reunirá en Santiago de Compostela, estabelecerá as datas das eleccións primarias e o resto de procedementos estabelecidos na normativa interna do partido para afrontar este proceso.

Para este proceso interno, voces socialistas apuntan a que o que fora secretario xeral do PSdeG entre o 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro, podería dar a batalla por ser candidato á Xunta. Ademais, está por ver se finalmente o deputado e anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, decide tamén competir para volver ser o candidato socialista á Presidencia da Xunta.

Análise de resultados

No encontro deste sábado, os socialistas aproveitarán para analizar “en profundidade” os resultados alcanzados nas eleccións estatais do pasado domingo, nas cales o PSdeG destaca que aumentou en 14.000 votos -a pesar de perder tres deputados- e que as forzas da esquerda obtiveron máis apoio que as de dereitas, pero conseguindo menor representación polo funcionamento do sistema electoral.

O propio domingo, Formoso xa fixo unha lectura positiva por superar o 30% de voto na Galiza, a pesar de haber dous candidatos á Presidencia do goberno galegos, así como que se manteña a posibilidade de que Pedro Sánchez continúe sendo presidente do Executivo español.

Comentarios