Consello da Xunta

A Xunta licita a xestión das plantas de transferencia de lixo

O Consello da Xunta da Galiza acordou na súa reunión desta quinta feira sacar a licitación a xestión das plantas de transferencia de residuos de Sogama. A medida adoptouse coa ausencia de Alfonso Rueda, que se desprazou a Oviedo para asistir ao acto de investidura do presidente asturiano, Adrián Barbón.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano, 27/07/2023.
photo_camera O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, preside a reunión do Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Diego Calvo, que exerceu esta quinta feira de voceiro do Executivo pola ausencia do presidente Rueda, sinalou que as plantas de transferencia son “puntos intermedios nos que se transvasan e clasifican os residuos que se recollen nos municipios” antes de chegaren ao centro de tratamento. A Xunta da Galiza conta actualmente con 20 plantas de transferencia en funcionamento e outras cinco en proxecto. A súa función é transvasar as distintas tipoloxías de residuos que competen a Sogama -a bolsa amarela e negra e, proximamente, a marrón- desde os camións de recollida municipal dos concellos adheridos a contedores de maior capacidade.

O procedemento de contratación aprobado polo Goberno galego fíxose público tras denunciar diferentes colectivos ecoloxistas problemas de funcionamento nas plantas de transferencia. Así, desde Galiza ambiental denuncian “graves problemas co baleirado dos camións de recollida de residuos, nas plantas de transferencia de Sogama en toda Galiza”.

A entidade ecoloxista afirma que “fontes internas” a Sogama “ confirman que o chamado "efecto funil" atópase en realidade na sede da planta de Sogama en Cerceda”. Nesta liña, Galiza ambiental indica que o conxunto do persoal adscrito a planta de Cerceda “non é capaz de baleirar os colectores, de tren e camión” polo que “non hai suficientes colectores baleiros que poidan reexpedirse de regreso ás plantas de transferencia e que estas continúen coa súa actividade normal".

O Consello da Xunta da Galiza decidiu, tamén, a declaración como proxecto industrial estratéxico da planta de hidróxeno renovábel de Meirama, impulsada polo grupo Naturgy en Cerceda e que conta coa participación de Repsol e Reganosa. A este respecto, Calvo sinalou que o obxectivo “é seguir colocando Galiza como referente internacional na produción de hidróxeno verde” no marco da “nova revolución industrial” que está protagonizada polas “enerxías renovábeis”.

A planta de hidróxeno de Meirama é unha das 72 proxectadas na Galiza. O emprazamento escollido por Naturgy pode coincidir, segundo algunhas fontes, co previsto por Maersk para a súa factoría de biometanol na Galiza, que require unha instalación eólica asociada de 4.000 megawatts, unha potencia similar á actualmente instalada no país.

Plan Retorna

Por outra parte, o Goberno galego acordou destinar un millón de euros ao programa Retorna Talento FP, para financiar os estudos no país de 108 mozas e mozos descendentes de galegos. Calvo asegurou que a meta “é atraer galegos do exterior para que se formen na Galiza e se incorporen despois ao noso mercado laboral”, así como “facilitar o regreso de miles de galegos do exterior”.a terra dos seus ancestros.

Outro dos asuntos tratados ten a ver co apoio á contratación de 259 orientadores laborais en 91 concellos e 40 entidades sen ánimo de lucro, para o que destina case 6,9 millóns.

Comentarios