O deputado do PSdeG Pablo Arangüena advertiu esta segunda feira, no día despois do 23-X, que a formación en que milita non pode vivir "divorciado da realidade" e "facéndose trampas ao solitario", á vez que contrapuxo os resultados do partido en 2019 -cando Gonzalo Caballero era secretario xeral- tanto nas municipais como nas estatais, como os cultivados no país este domingo.
"En 2019 o PSdeG sumaba no Estado e agora resta", esgrimiu, o parlamentario, da órbita de Caballero. Baixo o seu punto de vista, a dirección debería empezar por facer unha análise "certeira" e "asumir os datos" que evidencian que, fronte ao que sucede no Estado, onde se "frea á dereita", na Galiza rexístranse "uns resultados malos sen paliativos".
"Na Galiza pérdense 1,4 puntos e tres deputados nestas estatais, mentres no Estado sobe máis de 3,5 puntos", argumentou, antes de engadir que esas tres actas serían, ademais, no actual escenario, "moi importantes e necesarias" en Madrid.
Así mesmo, tamén reivindicou os resultados obtidos na Galiza nas municipais de 2019, que adquiriron un nivel "histórico" no que respecta á porcentaxe de voto.
“Cambio de rumbo"
Neste sentido, na antesala das primarias previstas para setembro, e mentres soan nomes como o de José Ramón Gómez Besteiro como posíbel candidato para optar a pugnar pola Presidencia da Xunta, Arangüena evitou profundar nas súas receitas para o partido.
O primeiro, argumentou, é "asumir os datos como son realmente" e, tras afinar a análise, impulsar "un cambio de rumbo".