23-X

Formoso fala de "noite de alegría" por impedir un "Goberno da dereita" no Estado

O PSdeG cae tres escanos a respecto de 2019 ao perder deputados en todas as circunscricións galegas agás Pontevedra.

EuropaPress_5350692_secretario_xeral_psdeg_valentin_gonzalez_formoso_comparece_medios_sede
photo_camera González Formoso nun momento da súa comparecencia (Foto: Europa Press)

Sabor agridoce na noite electoral no PSdeG. Por unha parte, a perda de 3 dos 10 escanos que obtivera en 2019 situaron a formación socialista lonxe de repetir aquel empate co PP a 10 representantes de hai catro anos. Mais o feito de que PP e Vox non sumen para poder ter o Goberno español levou o secretario xeral do PSdeG a falar dunha “noite de alegría”.

Compareceu Formoso e apuntou á “satisfacción” por evitar un Goberno español “de dereita e ultradereita”. “Houbo unha mobilización da sociedade de progreso”, dixo Formoso”, que se referiu a que tamén é unha “noite moi mala” para o candidato do PP,  Alberto Núñez Feixoo.

“Posibelmente sexa a súa peor noite electoral”, indicou, ao tempo que apuntaba a que “o medio millón de votos” obtido este domingo polo PSOE na Galiza (con 98% escrutado son 472.000) son máis que os logrados hai catro anos (465.000). Nesta liña, Formoso manifestou que os votos das “forzas de progreso” na Galiza sumaban máis “que o PP”.

Circunscricións

O PSOE obtivo este 23-X na Galiza 28,9% dos sufraxios, o que supón un leve retroceso a respecto da porcentaxe lograda nas anteriores estatais, cando atinxira 31,24%.

Os seus mellores resultados foron na circunscrición de Pontevedra, onde o PSOE foi quen de manter os tres representantes que conseguiu hai catro anos, e de case manter a mesma porcentaxe de voto: 31,8% dos sufraxios daquela, 31,4% este domingo.

Mais ese non foi o guión no resto das circunscricións galegas. Na da Coruña o PSOE perdeu 1 representante, pasando dos 3 obtidos en 2019 a 2. Aquí perdeu case 2 puntos de apoio nas urnas.

En Lugo o PSOE tamén perdeu 1 escano, pasando de 2 a 1; o mesmo que en Ourense, onde só foi quen de revalidar 1 dos 2 representantes que tivo en 2019. En ambos os casos, Lugo e Ourense, ese escano perdido polos socialistas foi gañado polo PP.

O PSOE foi este domingo a forza máis votada en 13 concellos da Galiza.

Comentarios