O PSdeG urxe protocolos de acceso ás discotecas "máis estritos" para previr picadas e submisión química

A formación presenta un documento con propostas dirixidas aos concellos que condena "calquera tipo de agresión sexual" e a utilización da submisión química "con este fin".
De esquerda a dereita, Noa Díaz, Silvia Fraga e Xurxo Doval. (Foto: PSdeG)
photo_camera De esquerda a dereita, Noa Díaz, Silvia Fraga e Xurxo Doval. (Foto: PSdeG)

O PSdeG-PSOE presentou esta cuarta feira unha moción dirixida a todos os concellos galegos que propón exixir ás discotecas e salas de festas protocolos de acceso "máis estritos" para inspeccionar a entrada de xiringas ao recinto e previr casos de picadas e submisión química.

O documento, que condena "calquera tipo de agresión sexual" e a utilización da submisión química "con este fin", foi presentado pola secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, xunto coa portavoz da área no Parlamento, Noa Díaz, e o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval.

"A violencia non cesa, aumenta", asegurou Fraga. "Por iso, é imprescindíbel actuar en conxunto e pór o foco sobre os agresores", sentenciou. Nesta liña, Díaz cualificou de "barbarie" esta nova modalidade de violencia sexual, que "coarta a liberdade das mulleres": "Son necesarias medidas urxentes", aseverou.

Alén dun protocolo para as empresas de lecer nocturno, a moción propón estabelecer 'puntos violeta' nas festas locais con protocolos específicos, formar á Policía Local para atender as vítimas, levar a cabo campañas de concienciación e difundir guías de actuación.

Aliás, os socialistas galegos instan a Xunta a estender a todas as áreas sanitarias do país o protocolo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) para detectar casos de submisión química, que foi posto en marcha en novembro de 2021 e activado dez veces nese centro hospitalario.

"Silencio por inacción"

Por outra parte, a secretaria de Igualdade do PSdeG condenou o "silencio" e o "desleixo" da Xunta nesta materia: "Entendo que hai que ser cautos, pero o problema está aí e hai que afrontalo de cara", afirmou Fraga.

Noa Díaz, ademais, asegurou que o "silencio" da Xunta débese á "falta" de medidas. "Reclamamos á Xunta numerosas veces accións contra estas violencias machistas, non penso que o silencio do Goberno sexa por deixamento, senón por inacción", defendeu a parlamentaria socialista.

Comentarios