Opinión

Picadas

Aínda que a submisión química era un tema xa coñecido, nos últimos meses adoptou unha nova forma. Centos de mulleres en espazos de ocio están a denunciar que sofreron picadas cun obxecto punzante, presumiblemente para inxectarlles substancias que diminúan a súa capacidade de resistencia ante un ataque. Todo isto, cando vén de aprobarse unha reforma lexislativa para considerar imprescindible o consentimento expreso á hora de xulgar unha agresión sexual.

Nalgúns dos casos detectáronse substancias que se empregan noutros tipos de agresións introducíndoas no organismo da vítima por vía oral ou inhalatoria, como a escopolamina, éxtase líquida. Noutros moitos, non se detectou droga algunha. As posibilidades son dúas: ou ben o que se administra é un produto de moi curta vida media, que persiste poucos minutos no organismo e non se detecta nos tests, ou ben non hai substancia algunha.

Se analizamos a situación, unha picada cunha agulla non parece o método máis eficaz para agredir sexualmente unha muller: a vítima decátase inmediatamente e alerta o seu entorno, as autoridades ou acode a un centro sanitario. Podemos pensar que, se ben existen casos nos que si se detectaron drogas sedantes e polo tanto había unha clara intencionalidade de agredir, moitos outros buscan outro resultado: o de amedrentar, crear temor e demostrarnos unha vez máis ás mulleres que o espazo público non é noso. Especialmente, o ocio nocturno non nos pertence, e os agresores queren que nos quede moi claro que, por moita reforma lexislativa que se realice, a noite vai ser sempre un perigo para nós.

Non falo de ningún plan organizado nin dunha conspiración, pero creo que xa é hora de que empecemos a falar de terrorismo machista. Son actos de terrorismo porque o que pretenden é precisamente limitar os movementos das mulleres mediante o medo. Nas últimas décadas comprobamos como se producen actos de intimidación ao abeiro de grupos e discursos de odio que se propagan a través de diferentes canles. Moitos homes están sendo radicalizados por discursos misóxinos e adoutrinados con noticias falsas como a do suposto contrato de consentimento sexual. A pregunta agora é que imos facer como sociedade e que lles imos esixir ás autoridades para garantir que as mulleres ocupemos o espazo público tal e como nos corresponde: como iguais e con seguridade.

Comentarios