Aprobada con 81% dos votos a Executiva de Formoso, que incorpora persoas afíns a Caballero

Formoso integrou na dirección do partido o senador Xoaquín Fernández Leiceaga mais o rexedor do Carballiño e a alcaldesa de Redondela.
Valentín González Formoso e Pedro Sánchez (Foto: Arxina).
photo_camera Valentín González Formoso e Pedro Sánchez (Foto: Arxina).

A nova Executiva do PSdeG liderada polo novo secretario xeral, Valentín González Formoso, foi aprobada este mércores con 81% dos votos dos delegados acreditados no XIV Congreso Nacional da formación.

Neste órgano, composto por un total de 58 persoas, Formoso incorporou persoas que apoiaron a Gonzalo Caballero ao longo dos seus catro anos como secretario xeral como o senador Xoaquín Fernández Leiceaga -que ocupará a área de Política Económica-, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, ou a rexedora de Redondela, Digna Rivas.

Nova dirección

En concreto, a nova dirección do PSdeG, que terá a Carmela Silva como presidenta, recibiu un total de 343 votos a favor, 78 en branco e tres nulos, o que supón o 81,4% dos votos.

Ao redor de Formoso estará a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que ocupará a Vicesecretaría Xeral do partido. Ademais, o edil coruñés José Manuel Lage Tuñas será o secretario de Organización, un cargo co que xa acompañou a Formoso durante a etapa do rexedor pontés como secretario provincial coruñés.

Tamén ocupará un lugar destacado na nova dirección do PSdeG o alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que se fará cargo da área de Política Municipal a pouco máis dun ano de que se celebren os próximos comicios locais.

Na Executiva, o rexedor de Ferrol asumirá a área de Política Industrial; o que fora reitor da USC Senén Barro, a de Ciencia, Universidade e Transformación Dixital; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñóns, Estudos e Proxectos.

Tamén formarán parte da nova dirección edís de cidades como A Coruña e Pontevedra, e volven cobrar peso socialistas que tiveran cargos en anteriores etapas como as exdiputadas Noela Blanco e María Pierres.

Comité nacional e federal

Na cita congresual tamén foi aprobada, neste caso cun 82,4% dos votos, a lista ao comité nacional que encabeza a alcaldesa da Coruña, Inés Rei. En concreto, esta candidatura recibiu un total de 346 votos a favor, 74 en branco e tres nulos.

Na lista, conformada por máis de 200 persoas e que supón un 50% dos compoñentes deste órgano -o outro 50% será elixido as agrupacións locais-, figuran nomes como o da alcaldesa de Trabada, Mayra García; o rexedor de Ames, Blas García; o senador Modesto Pose ou a que foi secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara.

Pola súa banda a delegación do PSdeG ao comité federal, que encabeza César Mogo, recibiu 335 votos a favor (o 79%), 88 en branco e tres novos. A lista está formada por un total de sete persoas, entre as que figuran o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a edil ourensá Natalia González.

Por último, o exconselleiro Ricardo Varela presidirá a Comisión Nacional de Ética, na que a carballesa María Torres ocupará a secretaría. Este órgano recibiu un total de 330 votos a favor (79,5%), 85 en branco e seis nulos.

Comentarios