O PSdeG pide unha investigación parlamentar polo "desvío" pola Xunta de 159 millóns" a "fins descoñecidos"

"Que pasou con máis de 159 millóns de euros que o Estado lle transferiu a Galiza para reforzar a sanidade pública e para combater a pandemia? Desapareceron. Foron desviados a outros fins", afirma o secretario de Organización do PSdeG

Alberto Núñez Feixoo presidiu esta semana o seu último Consello da Xunta da Galiza. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nunha imaxe de cando era presidente da Xunta. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O PSdeG denunciou este sábado que a Xunta "desviou 159 millóns" do fondo Covid a "fins descoñecidos" e anunciou que a próxima semana solicitará a apertura dunha investigación no Parlamento para que "todos os galegos poidan coñecer que fixo o PP cos fondos transferidos polo Estado para Sanidade".

En rolda de prensa, o secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Laxe, sinalou que, segundo os datos publicados polo Consello de Contas, en 2020 "o Goberno de Feixoo desviou máis de 159 millóns de euros dos orzamentos de Sanidade que estaban previstos para combater a Covid 19 e dedicounos a outras fins absolutamente descoñecidas".

Así, detallou que a Galiza recibiu no ano 2020 por parte do Estado transferencias para recursos sanitarios de varios tramos por un valor total duns 418 millóns de euros. Desta cantidade, continuou, "só dedicou 259 millóns de euros", polo que "deixaron sen dedicar catro de cada 10 euros que recibían para combater a pandemia".

"Que pasou con máis de 159 millóns de euros que o Estado lle transferiu a Galiza para reforzar a sanidade pública e para combater a pandemia? Desapareceron. Foron desviados a outros fins", clamou Laxe.

Por este motivo, o PSdeG vai pedir que se abra unha investigación no Parlamento da Galiza para "coñecer con luz e taquígrafos por que faltan 159 millóns de euros nos orzamentos de Sanidade e foron desviados a outros fins". "Se cadra levámonos unha sorpresa", afirmou.

Ademais, demandou explicacións non só ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, senón tamén a Alberto Núñez Feixoo, xa que, criticou que "quen aspira a gobernar España, cando gobernaba Galiza, e en plena pandemia, desviou 159 millóns de euros da sanidade para dedicala a outros fins".

"Burato negro"

Nesta mesma liña, lamentou que "o PP está a converter a sanidade galega nun burato negro que deixa os centros de saúde sen médicos", mentres "destina o diñeiro da sanidade a fins opacos".

Así, denunciou que esta semana no centro de saúde do municipio de Viveiro "de 10 médicos había só dous". "Falamos da Galiza real, a Galiza que todos os días acode ao seu centro de saúde e ve como se precariza e como se recorta o persoal sanitario", insistiu.

Tamén na cidade da Coruña, engadiu, a primeira cita co médico de cabeceira "aparecía para dentro de 13 días". Unha problemática que, asegurou, sucede "dunha punta a outra" do país

Comentarios