Feixoo comeza a recuar no debate sobre o repartimento do fondo Covid

"Se nos dan unha explicación e é convincente, acabouse a cuestión", defende Feixoo, após manter até a terza feira que no caso de non producirse mudanzas no repartimento do fondo Covid, apelarían á Xustiza.
Alberto Núñez Feixoo na presentación de Fitur. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo na presentación de Fitur. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A pesar de que até a terza feira tanto Alberto Núñez Feixoo, presidente galego, como outros membros do Goberno advertían que presentarían un recurso no Tribunal Supremo se o Executivo estatal non variaba o repartimento do fondo Covid, esta cuarta feira o mandatario sostivo que cunha boa explicación o debate podería quedar resolto.

“Pedimos unha explicación, non recorremos nada, se nos dan unha explicación e é convincente, ou se rectifican e restitúen os cartos que corresponde aos territorios, acabouse a cuestión”, declarou Feixoo desde Madrid, onde asistiu á inauguración de Fitur.

Feixoo incidiu en que esta conduta non implica unha deslealdade cara ao Goberno estatal, tras ser cuestionado pola actitude dos territorios onde goberna o Partido Popular (PP), como a Comunidade de Madrid, Andalucía ou Castela e León, que expuxeron unhas críticas semellantes ao repartimento, e no caso de Madrid chegando a levar perante a Xustiza a situación.

Neste sentido, aseverou que non están a pór en dúbida “o conxunto de fondos europeos”, por mor de que “aínda queda moito traballo para saber se van ser xestionados de forma correcta ou incorrecta”.

“O diñeiro non é do Executivo estatal”, argüíu, indicando que ao ser as políticas activas de emprego unha competencia galega, se o Estado queda con eses fondos iso “require unha explicación”.

Ao tempo, afirmou que “hai unha convocatoria na que só se benefician cinco territorios, catro do PSOE e outro onde o conselleiro de emprego é do PSOE”.

O Goberno do Estado rexeita as acusacións

O gabinete que preside Pedro Sánchez criticou o que considerou unha campaña do PP para desprestixiar o Estado e influír negativamente nas negociacións coa Unión Europea para a transferencia do resto de tramos dos fondos.

Así e todo, lembra que tres dos cinco territorios que recibiron máis cartos do fondo Covid están gobernados polo PP: Andalucía, o primeiro; Madrid, o terceiro, e Castela e León, o quinto.

Comentarios