A proposta para recuperar o legado do Seminario de Estudos Galegos vara no Parlamento

O non do PP frea a iniciativa sobre o SEG.
comisión cultura parlamento
photo_camera A comisión de Cultura, reunida esta cuarta feira.

Unha proposición non de lei que instaba a recuperar e pór en valor o legado histórico do Seminario de Estudos Galegos (SEG) non logrou ser aprobada no Parlamento. A maioría do PP fixo que esa iniciativa non prosperase na comisión de Cultura e Educación, malia o apoio do BNG e PSdeG.

O deputado nacionalista Daniel Castro, que defendeu a proposta, apuntou que “precisamos luz para avanzar cos pasos firmes da memoria de noso”, e puxo de manifesto que con esta iniciativa procurábase a “reparación e restitución xusta” dunha institución "cortada" polo franquismo, "recuperando a institución do Seminario de Estudos Galegos, comezando polo nome orixinal, e iniciando un estudo que permita investigar e catalogar os seus fondos".

Activar un plan de recuperación dos fondos do Seminario de Estudos Galegos que permitise o seu inventario, a unificación nun espazo único e o acceso público, demandando a devolución ou transferencia a Galiza “con obxectivo de reparar a dignidade do labor intelectual, cultural, científico, económico e político da extraordinaria xeración do Seminario” era outro dos puntos da iniciativa rexeitada polo PP e na que tamén se propón condenar a destrución franquista da súa obra, así como a persecución e represión que sufriron homes e mulleres que forman parte del “e ás que debemos un legado histórico único”.

Daniel Castro lembrou, neste sentido, que 19 dos seus membros foron asasinados (entre eles o editor Ánxel Casal, o xornalista Víctor Casas ou o artista Camilo Díaz Baliño), 31 exiliados (caso de Castelao, Rafael Dieste ou Portela Valladares) e 37 represaliados dun ou outro xeito (como Fermín Bouza Brey, Ricardo Carballo Calero ou Valentín Paz-Andrade).

Noa Díaz, do PSdeG, apoiou a "recuperación de todos os fondos do SEG" e a súa "transferencia a Galiza para ser xestionados por unha institución que recupere o SEG". Pola súa parte, José Luís Ferro (PP), defendeu o compromiso da Xunta da Galiza, "deseñando un centenario do SEG cunha ampla e diversa programación".

Comentarios