Unha andaina celebra os 100 anos do Seminario de Estudos Galegos

Ortoño, en Ames, acolleu unha homenaxe floral polo centenario do SEG
García, Álvarez, Freixanes e Sanmartín, esta quinta feira en Ortoño, Ames. (Foto: Arxina).
photo_camera García, Álvarez, Freixanes e Sanmartín, esta quinta feira en Ortoño, Ames. (Foto: Arxina).

O Museo do Pobo Galego conmemorou o centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha camiñada desde o parque da Alameda de Compostela até o lugar de Ortoño, en Ames, lugar de infancia de Rosalía de Castro, onde se recrea a reunión fundacional decorrida un século atrás.

O 12 de outubro de 1923 un grupo de ilustres estudantes da Universidade de Santiago (Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría) camiñaron xuntos desde Compostela até a casa na que pasou a súa infancia Rosalía de Castro, en Ortoño. Alí concibiron a idea de constituír un grupo dedicado á investigación da cultura galega.

A eles sumáronse Xulián Magariños Negreira, Ramón Martínez López e Francisco Romero Lema para asinar a constitución do Seminario de Estudos Galegos (SEG) baixo a presidencia do profesor Armando Cotarelo Valledor. 

Celebración popular

Cen anos despois, o Museo do Pobo Galego repetiu aquel percorrido cunha camiñada que partiu ás 9 horas da alameda compostelá e que chegou ás 12.30 horas á casa natal de Rosalía, onde decorreu unha homenaxe floral. A continuación, tivo lugar un acto institucional no campo da festa de Ortoño, ao que seguiu unha romaría con xantar e música. 

Nesta celebración popular, organizada polo Museo, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) coa colaboración dos concellos de Ames e Compostela, a USC e a Xunta da Galiza, participaron a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e Valentín García, director xeral de Política Lingüística, entre outros representantes institucionais, así como veciñas e veciños. 

Comentarios