A presencia de Ence en Pontevedra é "incompatíbel" coa situación de seca, di o BNG

O BNG denuncia que a factoría "ameaza" o abastecemento de auga
O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

“Nun escenario de prealerta por seca, e prevendo que se prolongue no tempo a escaseza de precipitacións, a Xunta [da Galiza] debe facer prevalecer o abastecemento ás case 140.000 persoas que se abastecen da captación da presa de Bora fronte as necesidades de captación de enormes cantidades de auga por parte de empresa Ence”. Así o afirmou onte  deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará nun comunicado remitido aos medios.

Os nacionalistas rexistraron unha serie de preguntas parlamentares e unha proposición non de lei para que o Goberno galego adopte medidas para garantir que prevalece o abastecemento á poboación da ría de Pontevedra. 

Máis aló da situación conxuntural destes meses, “a Xunta debe asumir dunha vez unha realidade evidente tendo en conta o contexto do cambio climático: a presenza de Ence en Pontevedra e as súas necesidades de captación de auga do río Lérez son incompatíbeis coa garantía de abastecemento de auga para o consumo humano”, afirmou Bará. 

Para o BNG, este é un argumento máis a favor da saída da fábrica da ría e a procura dun emprazamento alternativo no que se garantan as necesidades de abastecemento ou se utilicen tecnoloxías que permitan un menor consumo de auga e a súa reutilización.

"Trato de favor"

Os nacionalistas reclámanlle ao Goberno galego que desista do seu "trato de favor a Ence: nin o mal chamado Pacto Ambiental nin toneladas de propaganda poden ocultar unha realidade que é contundente: Ence é unha ameaza para a seguridade do abastecemento urbano aos concellos que abeiran a ría: Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu". 

Comentarios