O BNG cre que Rueda prepara a finca de Lourizán para a "aterraxe" de Ence

Bará pide "transparencia" para os usos do conxunto.
Luís Bará apela a un "proceso participativo" para a finca de Lourizán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará apela a un "proceso participativo" para a finca de Lourizán. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento galego iniciativas para favorecer a "participación" da sociedade con respecto ás propostas para os futuros usos do Pazo e finca de Lourizán, en Pontevedra. Ao mesmo tempo, tamén se presentaron iniciativas para que a Xunta da Galiza tome de "maneira urxente" medidas para reverter a decadencia e desmantelamento do histórico Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

"A Xunta debe garantir a máxima transparencia e participación da definición dos usos futuros do Pazo e da Finca de Lourizán", considerou o deputado nacionalista Luís Bará, para quen unha das cuestións chave é "que se garanta o uso e a xestión pública do espazo fronte á tentación de facer un uso por parte de empresas privadas do sector forestal para lavar a súa mala imaxe".

Alertou o parlamentario, neste sentido, da "posibilidade de que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, estea preparando unha pista de aterraxe para Ence, algo que xa intentou no seu día e frustrouse pola oposición do Goberno do PSdeG e o BNG na Deputación de Pontevedra, que era daquela titular do espazo".

Proceso participativo

Segundo a proposta do BNG, no proceso participativo deben intervir tecido social, comunidades de montes, ecoloxismo, as universidades galegas, Concello de Pontevedra, sectores da cadea de valor do monte e persoas expertas de diversos ámbitos relacionados coas función que deberá cumprir o enclave.

"O lóxico sería que como resultado dese proceso participativo se elaborase un Plan director de usos do complexo de Lourizán, un espazo de 46 hectáreas que reúne numerosos valores e atractivos científicos, patrimoniais, botánicos, educativos, culturais ou turísticos", sinalou Bará. Con respecto aos usos futuros do conxunto, o BNG defenderá que se centre na investigación, divulgación e fomento do monte multifuncional "fronte ao maior peso que a Xunta concede ao aproveitamento madeireiro".

Comentarios