Lores confirma que o Concello recorrerá no Constitucional a sentenza favorábel a Ence

"Sabiamos que no Supremo estaba atado e ben atado, pero era un paso que había que dar", dixo o rexedor, a quen a Xunta pide que "cese na inquina" contra a empresa porque "xa falaron os tribunais".
Factoría de Ence en Lourizán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Factoría de Ence en Lourizán. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de confirmar que o seu Goberno acudirá ao Tribunal Constitucional para recorrer a sentenza do Supremo sobre Ence que ratifica a validez á prórroga de 60 anos da concesión da fábrica de Ence en Lourizán. O rexedor entende que era "previsíbel" o auto contrario ao incidente de nulidade presentado polo Concello e a Avogacía do Estado contra a sentenza ditada tamén polo alto tribunal o pasado mes de febreiro.

"Non se deron moitos casos nos que un tribunal se emende a plana a si mesmo", comentou Lores sobre esta sentenza emitida polo Supremo apenas dous meses despois da presentación do recurso por parte do consitorio. "Sabiamos que no Supremo estaba atado e ben atado, pero era un paso que había que dar", sinalou esta cuarta feira en rolda de prensa, e matizou ao respecto: "Eu quero, que se me entenda ben, agradecerlle ao Tribunal Supremo a súa axilidade e que fose conciso á hora de manifestar a súa opinión" xa que desta maneira "ábrenos o próximo paso que é presentar o recurso ante o Constitucional".

Lores lembrou que o Concello de Pontevedra contratou os servizos do despacho de Avogados Caamaño, Concheiro & Seoane (CCS Avogados) para coordinar a estratexia xurídica asumindo o recurso de amparo. "Estamos a traballar xa nel", indicou, sobre esa nova alegación que se presentará "en breve".

Segundo precisou, no equipo que dirixe Francisco Caamaño, que fora ministro de Xustiza entre 2009 e 2011 durante a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, "entenden que hai moitísimos argumentos xurídicos" arredor da "indefensión" que alega a Administración local, xa que nin o Supremo nin a Audiencia Nacional atenderon todas as argumentacións presentadas contra a concesión da prórroga.

"Á espera do ditame do Tribunal Constitucional, no caso de que fose negativo, indiscutibelmente imos ir aos tribunais da Unión Europea, iso está acordado así", avanzou o rexedor, que confía en que esta última instancia española "sexa favorábel aos intereses dos pontevedreses" antes de abrir a vía xudicial europea. "Cremos que temos todo o dereito do mundo para recuperar o dominio público marítimo terrestre nunha concesión que non debeu facerse nunca", sentenciou.

O Concello de Pontevedra, dixo, "mentres eu sexa alcalde, non vai deixar de loitar por recuperar a ría de Pontevedra", xa que está convencido de que a localización da fábrica de celulosas en Lourizán é "unha condena das máis graves que pode ter unha cidade e unha comarca".

A Xunta pídelle que "cese na inquina" contra Ence

Após o anuncio de Lores, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pediulle "que cese nesa inquina" en contra da continuidade da fábrica de Ence xunto á ría, porque "xa falaron os tribunais". "A verdade é que unha vez máis hai un rexeitamento e o que pediría ao Concello de Pontevedra é que cesamento nesa inquina, porque xa falaron os tribunais, xa se rexeitaron os recursos e por tanto ao final a Xunta no seu día concluíu que o cumprimento da lei supuña que tiña uns dereitos adquiridos Ence", respondeu.

Comentarios