O PP veta que a Xunta explique no pleno do Parlamento o seu "perdón" de 11 millóns de euros a Greenalia

O pleno da vindeira semana aprobará os orzamentos.
Bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

O Parlamento galego vivirá a próxima semana unha dobre sesión os días 20 e 21 coa que despedirá a actividade plenaria de 2022 e que dará luz verde de forma definitiva aos orzamentos da Xunta para o próximo ano grazas á maioría do PP.

Unha maioría que o PP empregou onte na Xunta de Portavoces para vetar a solicitude para que o vicepresidente primeiro da Xunta. Francisco Conde, renda contas na Cámara pola denuncia de Adega ante a Fiscalía por presunto delito de prevaricación ao "eximir" a Greenalia de pagar 11,7 millóns de euros. E para vetar, tamén, a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para  explicar o colapso na Atención Primaria.

Ambas as dúas solicitudes foron cursadas polo BNG. A viceportavoz parlamentaria nacionalista. Olalla Rodil lamentou a postura do PP de impedir ambas as dúas comparecencias mais xa advertiu que o BNG seguirá a "exixir" explicacións.

Adega presentou a finais de novembro unha denuncia diante da Fiscalía contra a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, por presunta prevaricación e malversación de fondos na tramitación de varios parques eólicos de Greenalia. A entidade ecoloxista acúsaa de “eximir” a empresa do pago de case 12 millóns.

Ademais destas cuestións, a organización nacionalista informpu que centrará o vindeiro pleno na crise sanitaria do Sergas "e de maneira especial na Atención Primaria"  e tamén  nas "graves consecuencias, ambientais, económicas e sociais" do desenvolvemento eólico en Galiza.

Participación dos concellos

Desde o PSdeG, o seu voceiro no Parlamento galego, Luís Álvarez, sinalou que levarán á Cámara no vindeiro pleno que a Galiza "está perdendo oportunidades industriais por culpa da inacción da Xunta". O PSdeG tamén defenderá no pleno,  mediante unha interpelación, que se negocie coas entidades locais a través da Fegamp un proxecto de Lei que regule a participación dos concellos nas contas da Xunta. 

Pedro Puy, portavoz do PP na Cámara, informou que este partido pedirá no pleno que o Goberno estatal inclúa na planificación eléctrica o subministro aos proxectos industriais da Galiza. Tamén solicitará á Xunta un Plan galego de prevención do cancro de pulmón.

Comentarios