Paula Prado equipara os ventres de aluguer coa doazón de órganos: "É doar capacidade reprodutiva"

A viceportavoz do grupo do PP, Paula Prado, argumentou para defender o posicionamento do seu partido que os ventres de aluguer “é unha realidade moi delicada e extremadamente sensíbel polo que require un debate en profundidade, serio e sereno”.
paula prado pp
photo_camera A viceportavoz parlamentaria do PP, Paula Prazo (Foto: Nós Diario).

O Partido Popular usou a súa maioría na Cámara para evitar esta cuarta feira a aprobación dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG, e que si tivo o apoio do BNG, na que se instaba ao Goberno galego ao "rexeitamento da práctica dos ventres de aluguer" e a pedir ao Estado que "evite esta práctica".

A viceportavoz do grupo do PP, Paula Prado, argumentou para defender o posicionamento do seu partido que os ventres de aluguer “é unha realidade moi delicada e extremadamente sensíbel polo que require un debate en profundidade, serio e sereno”. “A nosa sociedade ten evolucionado nos últimos anos e o Partido Popular quere atender e afrontar con rigor todas as necesidades que teñen hoxe as familias”, apuntou.

Ademais, comparou os ventres de aluguer coa doazón de órganos ao alegar que "é doar capacidade reprodutiva".

Noa Díaz (PSdeG) reprochou ao grupo que sustenta o Goberno da Xunta que a súa posición "sexa cada vez máis afín á da ultradereita de Vox". Díaz denunciou que esta "industrialización" dos ventres de “mulleres vulnerables”, coñecido co "eufemismo da xestación subrogada", é unha praxe “egoísta”, que emprega as mesmas "tácticas criminais que as redes de tráfico e trata de seres humanos".  "O ventre de aluguer é unha violencia contra a muller", denunciou a deputada.

Pola súa parte, Olalla Rodil (BNG) lembrou que esta non é a primeira vez que o PP evita apoiar declaracións ou iniciativas neste sentido. "Vostedes cren que os nenos e nenas se poden comprar, como se estivesen nun catálogo de Zara", preguntou Rodil á bancada do PP. 

A nacionalista afirmou que "satisfacer" o desexo, "lexítimo", de maternidade ou paternidade "non pode estar por riba dos dereitos humanos".

Comentarios