O PP racha en concellos chave da circunscrición de Lugo

O PP na circunscrición de Lugo leva instalado no conflito interno desde 2016. Se daquela era a deputada Raquel Arias quen rivalizaba con Elena Candia pola dirección provincial do partido, hoxe a loita interna dáse entre Candia -presidenta provincial do PP e candidata á Alcaldía de Lugo- e o coordinador xeral da formación, José Manuel Balseiro. As listas para as eleccións locais de 28 maio evidencian esta división.
Alfonso Rueda na presentación de Elena Candia como candidata en Lugo, o domingo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Alfonso Rueda na presentación de Elena Candia como candidata en Lugo, o domingo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Sarria é o segundo concello en residentes do partido xudicial de Lugo. O seu censo representa 8,4% da poboación dese distrito electoral polo que os resultados son chaves para o reparto dos 12 escanos en xogo para a Deputación. Porén, a división dos populares en dúas listas limita as posibilidades da dereita no ámbito provincial e local.

Sarria

No día de onte confirmouse o salto a Ciudadanos do actual voceiro municipal do PP, José Manuel Bello, o que significa un golpe ás aspiracións dos populares en Sarria. A súa chegada á formación laranxa en compañía de ducias de afiliados da súa anterior formación, comezou a xestarse  no último congreso local do partido, onde o veterano Fernando Carlos Rodríguez se fixo co control da agrupación, após derrotar outras dúas listas.

O Páramo e Portomarín

No Páramo e Portomarín tamén a dereita acode divida. No primeiro, Gumersindo Rodríguez, alcalde popular entre 1983 e 2019, encabeza unha lista contra a súa anterior formación, tras integrar o PP o actual rexedor, o independente José Luis López. En Portomarín Roberto Rodríguez, edil do PP en catro lexislaturas e fillo do histórico alcalde na localidade, Eloy Rodríguez, lidera unha candidatura que ameaza a hexemonía do PP.

Chantada

Chantada é un concello chave para os populares. Trátase da localidade con máis poboación da circunscrición de Lugo onde posúen Alcaldía e o seu resultado era presentado como fundamental polo PP para incrementar a representación no partido xudicial de Chantada. Neste caso, a formalización de dúas candidaturas xurdidas do PP pon en risco o Goberno do municipio e dificulta, aínda máis, unha mudanza no reparto de escanos no distrito electoral. 

Unha das candidaturas impulsada por militantes e ex militantes populares é Chantada Centro, encabezada por Juan Carlos Varela, unha persoa moi próxima durante anos ao actual alcalde do PP e senador, Manuel Lorenzo Varela, e da que fan parte persoas de referencia do Partido Popular. A outra, baixo a marca de Xuntos polo Cambio, está liderada por Antonio Ledo, aspirando as dúas a lograr representación na corporación municipal.

Quiroga e Pantón

O Partido Popular chega fendido aos comicios locais en Quiroga e Pantón. No primeiro destes concellos os edís populares José Luis Rivera e Luis Manuel Arias impulsan unha candidatura independente, que suma outros cadros relevantes do PP no concello. 

Ao tempo, no municipio de Pantón, formalízase unha lista liderada por Jaime González e Roberto Eireos, antigo concelleiro popular no municipio, candidato frustrado en 2019 do PP á Alcaldía de Monforte e, en tempos, persoa próxima a Elena Candia. 

Comentarios