Parlamento

O PP desmárcase dunha declaración unánime contra os ventres de aluguer

O grupo maioritario deu "a calada por resposta" ante a iniciativa impulsada polo BNG.
Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
photo_camera "A xestación subrogada reduce os nenos a unha mercadoría", denuncia Olalla Rodil. (Foto: Europa Press)

Os ventres de aluguer non supoñen un problema para o Partido Popular, que decidiu dar a calada por resposta ante unha proposta do BNG que buscaba aprobar no Parlamento galego unha moción conxunta en contra desta práctica. A viceportavoz parlamentaria nacionalista, Olalla Rodil, lamentou esta cuarta feira en rolda de prensa ese "boicot" da bancada 'popular' pola súa "falta de resposta".

Esa declaración institucional contraria á denominada xestación subrogada, explicou Rodil, foi remitida ao grupo maioritario na Cámara a pasada semana e non tivo contestación ningunha, polo que no Pazo do Hórreo non se logrará a unanimidade a respecto desta cuestión.

"Chamei tres veces por teléfono [ao PP] para pedirlles a súa posición e dinme que oito días despois aínda non leron a proposta. Iso é o que lle importan ao PP os dereitos das mulleres e da infancia", aseverou a deputada, que agradeceu a disposición do PSdeG a sacar adiante esta declaración.

Para a responsábel nacionalista, coa súa "calada por resposta" os 'populares' pretenden "boicotear" un posicionamento do Parlamento galego en relación a unha cuestión "fundamental" sobre a que existe un "debate social e político", ao afectar "os dereitos humanos, os dereitos da muller e da infancia".

Segundo Rodil, "a maioría dos galegos" está en contra desta práctica porque "está en contra da explotación do corpo das mulleres". A xestación subrogada, engadiu, "reduce os nenos a unha mercadoría que pode ser comprada e vendida". "O PP sempre está situado alén da historia cando hai que dar un paso adiante en dereitos e igualdade", denunciou a parlamentaria, que avanzou que o seu grupo traerá diferentes iniciativas á Cámara sobre os ventres de aluguer.

Non é a primeira vez que desde a formación conservadora xurden voces proclives a esta práctica. Recentemente, após transcender o caso da actriz Ana Obregón, desde Xénova deixaron a porta aberta a regular os ventres de aluguer no Estado español coa condición de que quede claro que "non pode haber ningún tipo de pago ou contraprestación económica á nai xestante por ter un bebé".

Resposta do PP

Logo de que Olalla Rodil sinalase o PP polo seu "silencio" ante esta proposta, a formación 'popular' respondeu perante un comunicado no que acusaron o BNG de abordar o tema "baixo os efectos da prensa rosa" co obxectivo de "conseguir rédito político". "O seu único interese é conseguir rendemento político inmediato a unha situación que preocupa a toda a sociedade, especialmente ás mulleres, polo que debe ser abordado con moita delicadeza e precaución", afirmaron.

Cuestións como a dos ventres de aluguer, defenden desde o Partido Popular, "deben estudarse con seriedade, rigor e responsabilidade escoitando aos expertos en todas as materias implicadas".

Comentarios