Parlamento

PP e PSdeG vetan a ILP que pedía restituír o texto fidedigno do Himno galego

A iniciativa lexislativa popular (ILP) que reclamaba a restauración do texto fidedigno do Himno Nacional nin sequera será tramitada na Cámara galega, malia o apoio en forma de sinatura de 16.000 persoas. PP e PSdeG vetaron onte a toma en consideración dunha ILP que só contou co apoio do BNG.
nazon himno
photo_camera A intervención do profesor da UDC Manuel Ferreiro foi seguida desde a tribuna por unha ampla representación da promotora da ILP. (Foto: Arxina)

"O certo é que estamos perante unha disxuntiva: ou deixamos un texto hímnico deturpado, incorrecto, mesmo parcialmente falso, ou optamos pola verdade, recuperando o texto correcto e certo, como corresponde á dignidade do símbolo, das institucións e, en definitiva, do país". O profesor da UDC e filólogo Manuel Ferreiro resumía así desde o estrado do Parlamento galego a cerna do debate que onte se deu na Cámara ao redor da toma en consideración da proposición de lei da iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do Himno galego e a súa difusión. Ou manter o texto actual do poema de Eduardo Pondal —"cos seus castelanismos, deturpacións da expresión orixinal e forma idiomáticas", que non son consecuencia "da intervención popular", senón de erros de impresión en 1905 que chegaron até a Lei de Símbolos da Galiza de 1984, explicou Ferreiro— ou ben recuperar o "texto fidedigno" dun dos "símbolos fundamentais" da Galiza.

A iniciativa, impulsada por Vía Galega e a Federación Galiza Cultura, chegou á Cámara co apoio de 16.000 sinaturas, máis do duplo das requiridas para unha ILP, 5.800. Mais ese respaldo non abondou para PP e PSdeG, que coincidiron en sentido do voto e en argumentario. Ambos os dous votaron en contra de que esta ILP entrara en trámite parlamentario. Ambos os dous apelaron á necesidade dun amplo "consenso social" para restaurar o texto do Himno e ambos os dous consideraron que o camiño debía pasar por unha comisión de estudo. 

Na réplica, Ferreiro incidiu en que a aprobación da ILP implicaba xa a creación dunha comisión de estudo e lamentou que socialistas e populares se posicionaran por un Himno "que presenta incorreccións e non responde á vontade de Pondal". Ferreiro, o maior estudoso do poeta e responsábel da minuciosa investigación que guía a ILP, manifestou desde a tribuna que "a versión certa do Himno é a que esta ILP presenta [...]. As probas son indiscutíbeis e o texto presentado é o verdadeiro texto de Eduardo Pondal, sen acumulación de anomalías lingüístico-textuais". A respecto da apelación ao "consenso social" , o catedrático de Filoloxía dixo que populares e socialistas confundíano con "consenso institucional".

En contra

O primeiro grupo parlamentario en intervir foi o do PSdeG. A deputada Noa Díaz parabenizou a "rigorosa investigación" de Ferreiro mais considerou que a ILP non era a ferramenta acaida para iniciar o camiño da restauración do texto fidedigno. Ao igual que faría pouco despois o voceiro do PP, Alberto Pazos Couñago, Díaz apelou a senllos informes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, que, desde que en 1996 se abrira o debate por primeira vez no Parlamento, emitiron a propósito das primeiras propostas para corrixir o Himno informes contrarios á restauración. Díaz preguntouse se hoxe existe un consenso sobre restaurar o texto do Himno cando "non existía hai 40 nin 20 anos" e pediu situar o debate non só na "cuestión filolóxica, que está clara". "Os Pinos, dixo, é hoxe máis que un poema, é un Himno patrimonio de todo un pobo".

Pazos Couñago (PP) tamén quixo diferenciar entre un Os Pinos que "como poema, é do poeta", e un Os Pinos que, como himno, é de todo un pobo". Mesmo apuntou a que Castelao cantaba o Himno galego coa letra que agora se quere "cambiar". Para o portavoz popular, calquera mudanza do texto debe de pasar por unha comisión especial de estudo, "coincidimos niso co PSdeG" e propuxo rexistrar esa petición nesta sesión plenaria.

A comisión ad hoc defendida por PP e PSdeG sería, coincidiron Couñago e Díaz, como a posta en marcha no seu día para o Panteón de Galegos e Galegas Ilustres. Porén, para os promotores da ILP é unha "cortina de fume" para adiar o debate ("alárgase o tema, acaba a lexislatura e o himno sen restaurar") pois ese mesmo labor pode "facerse no trámite parlamentario desta iniciativa de se aprobar", dixo Anxo Louzao, de Vía Galega.

"Por xustiza histórica"

"Temos Himno porque temos sentimento de Patria". Con esta frase de Pascual Veiga, autor da música do Himno galego, comezou Mercedes Queixas (BNG) a súa intervención na Cámara. A deputada nacionalista lembrou que a Lei de Símbolos de 1984 "recuperou o Himno" mais "non o restituíu, e debemos comezar a resolver iso dunha vez". "Hai un compromiso social a favor da restitución fidedigna do texto do Himno", dixo Queixas, que argumentou o voto favorábel do BNG á toma en consideración da iniciativa popular en tres "principios": é de xustiza histórica, é unha "reparación da verdade" e baséase no "rigor científico". Para Queixas, neste tema "falou a filoloxía, falou a ciencia e falou a sociedade", polo que agora "toca falar" aos representantes políticos. 


"Desprezan 16.000 persoas mais non imos rendernos"

A decepción era evidente onte entre os membros da comisión promotora da ILP unha vez constatado o veto á súa tramitación parlamentaria. Anxo Louzao, de Vía Galega, entidade impulsora canda Galiza Cultura desta iniciativa, afirmou a Nós Diario que o non de PP e PSdeG "é un desprezo absoluto a 16.000 persoas que asinaron esta ILP e un desprezo absoluto á rigorosa investigación científica na que se basea a iniciativa". Para Louzao, no debate parlamentario "ninguén puxo en cuestión nin en tea de xuízo as conclusións de Manuel Ferreiro", polo que a decisión de populares e socialistas "é política e é un desprezo aos nosos símbolos como pobo".

O portavoz de Vía Galega, que finalizado o pleno mantivo un debate nos corredores parlamentarios cos portavoces do PP e PSdeG, reprochou aos representantes de ambos os dous partidos sentirse "enganados" e lembroulles que, desde o mes de marzo que solicitaron reunirse con todos os grupos, estes tiveran ocasión de revisar a documentación que se achega para apoiar a restauración do texto e non 'escudarse' agora en que se necesitan máis informes. Anxo Louzao avanzou que Vía Galega e Galiza Cultura "seguiremos dando a batalla" até lograr "o Himno restaurado".

Comentarios