Galiza Cultura e Via Galega presentan á Real Academia Galega a iniciativa popular que chama a restituír o Himno galego

A delegación solicitou da RAG o seu apoio á proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do Himno galego e a súa difusión
photo_camera (Foto: RAG)

Unha representación de Vía Galega e a Federación Galiza Cultura reuniuse coa Executiva da Real Academia Galega para presentarlle oficialmente e solicitar o seu apoio á proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do Himno galego e a súa difusión.

Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña,  investigador do Himno galego e membro da comisión promotora da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno de Pondal; xunto Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura, e Anxo Louzao, coordenador de Vía Galega, mantiveron na sede da Real Academia Galega, unha reunión coa executiva desta institución.

Esta entrevista coa RAG encádrase na campaña de presentación da ILP a diferentes institucións e entidades para colleitar os máximos apoios.

Até o dia de hoxe, indica Vía galega nun comunicado, “xa tivemos oportunidade de reunirnos coa portavoz do grupo parlamentar do BNG e co grupo parlamentar do PSdeG”, estando axendada para esta terza feira o encontro co do PP, e coa Xunta de Portavoces da Deputación da Coruña. Para o  vindiero día 8, está concertada unha entrevista co Consello da Cultura Galega.

Na reunión coa RAG, “trasladámoslle a necesidade de modificar a Lei de Símbolos de Galicia de 1984 para restaurar o noso himno conforme a investigación realizada polo doutor Manuel Ferreiro, onde se demostra documentalmente que a actual texto oficial do Himno galego, ten diferentes alteracións en relación ao texto orixinal e a vontade do seu autor, Eduardo Pondal”.

Un traballo que mostra “a existencia de catro alteracións de importancia”: 1) Problemas de presentación formal e de puntuación, de forma que no texto oficial mesmo desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas tres estrofas restantes); 2) Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco/rouco, iñorantes/ ignorantes); 3) Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos/férridos); 4) Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual (chan/clan 'pobo').

A comisión executiva da RAG agradeceu o encontro para lle presentar esta a Proposición de Lei. “Entenden que desde a promulgación da Lei de Símbolos de Galiza hai novos elementos a considerar, mais calquera declaración ou informe correspóndelle emitilo ao Pleno da RAG”, recóllese no comunicado.

"A veracidade da documentación achegada polo profesor Ferreiro obra en mans do Parlamento e está ao dispor de todo o mundo nunha institución pública como é a RAG", destacaba María Pilar García Negro o pasado mes de novembro no rexistro da ILP, quen chamou a acabar dunha vez cun "anacronismo" polo que xa pelexou en 2017.

Comentarios