mércores 30/09/20

O PP perde votos en toda a Mariña

O PP perde votos na Mariña, unha zona fortemente afectada pola crise industrial, cos despedimentos de Alcoa; e mais coa crise sanitaria, co rebrote do coronavirus que deixou sen voto ás persoas positivas na Covid-19, sen que o Goberno galego nin a Xunta Electoral habilitasen medidas para garantir o dereito ao sufraxio de toda a poboación. O PSdeG tamén baixa e o BNG é a forza que máis sobe. A participación na Mariña Central cae até 10 puntos. 

Mesa nun colexio electoral de Burela este 12 de xullo (Imaxe:  Carlos Castro / Europa Press)
Mesa nun colexio electoral de Burela este 12 de xullo (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

Co 100% do voto escrutado na comarca da Mariña Central, epicentro do rebrote do coronavirus e onde o Goberno galego e a Xunta Electoral deixaron as persoas positivas na Covid-19 sen opcións a poderen votar, o PP perde en votos e porcentaxe de apoio. O PSdeG perde apoios e o BNG é a forza que máis sobe en votos. 

Nestes comicios do 12 de xullo, os de Alberto Núñez Feixoo perden 2,65% de apoio na comarca da Mariña Central, respecto dos resultados recollidos nas anteriores eleccións galegas, en 2016. Fica o PP con 6.164 sufraxios (48,01%), perdendo 1.546 votos. A forza que máis apoios gaña é o BNG, que obtén 3.699 (gaña 2.405 votos máis que en 2016) e obtén 28,8% dos votos. Baixa tamén o PSdeG, que se deixa 874 votos e fica en terceira posición, por detrás do nacionalismo, con 2,167 votos e 16,88% de apoio.

Na Mariña Occidental, con 96,54% do voto escrutado, os resultados son semellantes. O PP logra maioría, con 5.622 votos (perde 1.378 e cae 3,83%), séguelle como segunda forza o BNG, con 3.874 votos (31,16%), subindo 23,82% en apio; e o PSdeG obtén 2.142 (cae 2,68%).

Na Mariña Oriental co 100% do voto recontado, o PP obtén 51,12% e 4.024 votos, polo que perde 553 sufraxios; mentres que o BNG gaña 1.025 votos e faise con 2.036, tendo 25,87% de apoio. Séguelle o PSdeG con 1.276 votos (perde 407) e baixa 2,57% de apoio.

Baixa a participación

A participación neste proceso baixou na comarca da Mariña Central de 64,58% a 55,99%; na Occidental baixou de 66,54% a 61,97%, mentres que na Oriental caeu de 65,51% a 58,86%

comentarios