O PP négase a apoiar a declaración de condena explícita dos ataques ao PSOE

Rueda estende a súa "condena" a "calquera agresión a calquera partido"
sede ferrol psdeg atacada
photo_camera Sede do PSOE en Ferrol (Foto: PSdeG)

O Parlamento galego non foi quen esta cuarta feira na súa sesión plenaria de aprobar unha declaración institucional —para o que é precisa a unanimidade— de condena explícita dos ataques contra sedes do PSOE que nestes días tiveron lugar no Estado, entre elas as de Ferrol e Lugo.

A iniciativa presentada polo PSdeG tivo o apoio do BNG mais topou  coas reticencias do PP, que quería estender a condena a todas as agresións contra partidos políticos. De feito, esta foi a fórmula escollida por Alfonso Rueda esta cuarta feira na sesión de control ante a pregunta directa da viceportavoz do PSdeG, Begoña Rodríguez de se condenaba eses ataque a sedes socialistas.

"Condenamos calquera agresión a calquera partido, a calquera", dixo o presidente da Xunta. "É difícil de entender que vostedes non quixeron condenar o acto vandálico que sufriu un alcalde do PP no seu coche [raiaron o vehículo] a semana pasada”, engadiu Rueda.

Rodríguez Rumbo cualificou a postura do PP de “falta de lealdade institucional preocupante”. “Volva ao camiño da sensatez e deixe de liderar esta campaña de crispación que vai en contra da propia democracia”, engadiu. 

"Os violentos"

Pola súa parte, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reprochou ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, "ambigüidade" na súa resposta aos ataques a sedes socialistas e demandoulle "pórse ao lado dos non violentos". Ademais, insistiu en que por parte de Rueda está a "caerse nunha vía perigosa, nesa liña que segue Alberto Núñez Feixoo alentado polo PP máis ultra desde a capital de España".

Comentarios