VÍDEOS NO INTERIOR

Proclamas nazis, simboloxía fascista e enfrontamentos coa Policía: a violencia españolista medra coa conivencia de PP e Vox

A líder do grupo neonazi Bastión Frontal, Isabel Medina Peralta, subiu canda outro mozo ao teito dun quiosco de tabacos facendo o saúdo nazi e portando unha bandeira coa cruz de Borgoña. Outras organizacións ultradereitistas como Vox ou España 2000 tamén fixeron acto de presenza na cuarta xornada consecutiva de tensas protestas en Ferraz.
Saúdos nazis e simboloxía fascista na concentración ante a sede do PSOE en Ferraz. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Saúdos nazis e simboloxía fascista na concentración ante a sede do PSOE en Ferraz. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Máis de 7.000 persoas, segundo datos de Delegación do Goberno español en Madrid, acudiron por segundo día consecutivo á chamada da extrema dereita na rúa Ferraz, onde se sitúa a sede estatal do PSOE, cun forte cordón policial de efectivos antidisturbios e lanzando proclamas contra o Executivo de Pedro Sánchez polos seus pactos con formacións independentistas e a presumíbel aprobación dunha Lei de amnistía. A Policía, equipada con cascos desde o primeiro momento, procedeu a cortar o acceso a esta rúa, á de Buen Suceso e a parte de Marqués de Urquijo, impedindo así a entrada á sede socialista.

Entre cánticos de "España non se vende, España deféndese", "Puigdemont a prisión" ou "que te vote Txapote", e portando unha xornada máis bandeiras de España, franquistas, coa aguia de de San Juan e outros símbolos fascistas, congregáronse ás 19 horas os manifestantes, a pesar de que a convocatoria estaba axendada en redes ás 20h. Á congregación sumouse o líder de Desokupa, Daniel Esteve, xunto a decenas de seguidores que se uniron aos alí presentes. Tamén asistiron a portavoz de Vox no Congreso, Pepa Millán; o deputado da formación ultra Manuel Mariscal ou a tamén deputada Rocío de Mer.

Pancartas contra a Constitución e o Goberno de Pedro Sánchez en Madrid. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Pancartas contra a Constitución e o Goberno de Pedro Sánchez en Madrid. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Como xa acontecera na segunda feira, os manifestantes lanzaron insultos contra a Policía Nacional, cualificando os seus efectivos de "covardes" fronte aos valos de protección que estaban dispostos e berrando proclamas como "contra os mouros non tedes collóns [sic]", á vez que os animaron a apoiar a protesta ultradereitista. Ao fío das 20 horas, na esquina de Ferraz coa rúa Marqués de Urquijo producíronse acendidos de bengalas vermellas coreando ás unísono frases contra a esquerda como "puto rojo o que non bote", "Pedro Sánchez fillo de puta" ou "Pedro Sánchez, imos por ti".

En primeira liña da congregación e separados por valos da Policía Nacional agrupáronse afiliados á formación de extrema dereita España 2000, cunha gran pancarta na que se podía ler "España non se vende. Resistencia social", un punto onde houbo tensión con outros manifestantes contrarios ás proclamas nazis que proferían estes manifestantes. Ademais, a líder do grupo neonazi Bastión Frontal, Isabel Medina Peralta, subiu canda outro mozo ao teito dun quiosco de tabacos facendo o saúdo nazi e portando unha bandeira coa cruz de Borgoña.

A parte máis tensa da noite comezou contra as 21.15 horas, cando os asistentes lanzaron ovos á prensa e á Policía Nacional, ademais de botellas de cristal que impactaron contra os furgóns policiais, que avanzaron lentamente cara aos valos e coas porras na man. Tamén apuntaron cun láser verde aos profesionais dos medios de comunicación para impedir o seu traballo. Helicópteros da Policía Nacional supervisaron desde o aire a congregación que deixou seis persoas detidas.

Os manifestantes mostraron unha gran pancarta na que se lía "España non paga a traidores. Amnistía non" ou "a Constitución destrúe a nación", escrita nunha bandeira de España. Entre outros cánticos escoitáronse ao longo da tarde "Marlaska terrorista" ou "España é cristiá e non musulmá" e tamén outros dirixidos ao Rei Felipe VI como "Felipe masón, defende a túa nación".

División na protesta

Algúns dos asistentes congregados en redes sociais comezaron a concentración ás 19h no Parque do Oeste e desprazáronse a Ferraz. Pouco antes das 20h, trasladáronse cara á Gran Vía para dirixirse ao Congreso dos Deputados, rodeados dun forte cordón policial de efectivos da UIP. Congregáronse en Neptuno despois de que a Policía blindase os arredores da Cámara Baixa. Posteriormente, o mesmo grupo regresou por Gran Vía para volver protestar na rúa Ferraz, onde a multitude abarrotou Marqués de Urquijo entre berros mentres a Policía mantiña acordoada a sede do PSOE.

39 feridos, 29 deles policías

Un mínimo de 39 persoas, de entre elas 29 efectivos da Policía Nacional, tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios despois das cargas policiais que tiveron lugar na rúa Ferraz durante a cuarta xornada de manifestacións alentadas pola ultradereira. Segundo informou un portavoz de Emerxencias Madrid á axencia Europa Press, a maior parte dos feridos na manifestación foron por brechas provocadas polo impacto de obxectos e, nalgúns casos, por proído de ollos debido a gases lacrimóxenos.

No caso dos axentes de Policía Nacional, os sanitarios atendéronlles por golpes. O Samur-Protección Civil encargouse de atender aos afectados e procedeu a trasladar a catro persoas a hospitais por contusións máis graves, un deles tamén un efectivo da Policía Nacional.

PP e Vox, de canto coa violencia

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, exixiu esta terza feira "respecto e exemplaridade" nas protestas contra os pactos do PSOE cos independentistas cataláns e a Lei de amnistía, á vez que culpou, porén, o presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, de provocar un "malestar social" entre a cidadanía e ser o responsábel diso.

Ao seu xuízo, as protestas deben "partir do respecto e exemplaridade que faltou sempre ao PSOE e os seus socios". "Non somos como eles. Nin como a minoría que actúa igual", defendeu Feixoo nunha mensaxe publicada na rede social X (antigo Twitter) na que emprazou a apoiar as manifestacións que o PP convocou o vindeiro domingo 12 de novembro en prazas de todo o Estado español.

Pola súa parte, o presidente do ultraespañolista Vox, Santiago Abascal, culpou o ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, da "violencia" nas protestas na sede do PSOE en Ferraz, e avisou que o seu partido seguirá apoiando as "protestas de resistencia pacífica ante os golpistas".

"A violencia é responsabilidade de Marlaska. En primeiro lugar porque é o que el e Sánchez pretendían, coas ordes políticas de cargar e gasear a manifestantes pacíficos na segunda feira", defendeu Abascal, afirmando tamén que desde o Goberno "pretenden amnistiar o terrorismo nas rúas".

Comentarios