Así se viviron os disturbios na madrileña rúa de Ferraz: "Pasei moito medo"

Valeria Mantese, veciña da madrileña rúa de Ferraz, relata a 'Nós Diario' como viviu os disturbios provocados pola ultradereita nos arredores da sede estatal do PSOE.
Pintada ameazante contra Pedro Sánchez na madrileña rúa de Callao (Foto: Valeria Mantese).
photo_camera Pintada ameazante contra Pedro Sánchez na madrileña rúa de Callao (Foto: Valeria Mantese).

Valeria Mantese vive a uns 100 metros da sede do PSOE na madrileña rúa de Ferraz. Durante a segunda feira, afirma a Nós Diario, “á altura da miña casa non notamos gran cousa, supoño que diante da sede socialista sería diferente”. Porén, sinala, “na noite da terza feira volvín á miña casa sobre as 19.30 horas e vin a rúa Ferraz ateigada de xente”.

“A maioría ían gritando ‘Pedro Sánchez fillo de puta’. Persoalmente fiquei moi impactada, pregunteime que se esta é a proposta desta protesta, que é o que se pretende achegar”. Mantese tamén se sorprendeu da idade das persoas manifestantes, “a maioría eran rapaces moi mozos, a media de idade sería de 25 anos”.

“A partir das 21.30 horas a situación comezou a precipitarse, estaba coa fiestra fechada da miña habitación, que está orientada á rúa Ferraz, e desde o balcón comecei a escoitar moitos gritos e ruídos moi fortes. Non entendía que era o que estaba a pasar”, relata a veciña.

“Gravei o que estaban facendo os manifestante, e verdadeiramente pasei moito medo, o que vin non era unha protesta, eran actos de violencia, tanto verbal como física”, asevera Mantese. “Marchei para cama sobre as 12.30 horas e non fun quen de durmir até as 3 horas por mor do nerviosa e asustada que estaba”, engade.

“O que vivín onte foi realmente chocante”, afirma. “Levo cinco anos vivindo nesta rúa e nunca vira algo semellante”, prosegue. “Contedores de lixo tirados no centro da rúa, xente coa faciana tapada dando golpes aos vehículos estacionados, tirando mesas e cadeiras dos locais de restauración, e incluso collendo botellas baleiras das terrazas para tiralas”, explica a residente na madrileña rúa de Ferraz.

“A Policía, evidentemente, reaccionou dispersando estes grupos, mais 20 minutos despois volveron, repetindo as mesmas falcatruadas que fixeran anteriormente”, prosegue Mantese. Os disturbios escalaron momentos despois, pois “comezaron a queimar os contedores do lixo tanto nun extremo da rúa como no outro”, afirma.

“Non fun a única veciña que se asomou pola fiestra, fomos varias persoas, e todas comezamos a gritarlles protestando porque estaban estragando a nosa rúa, eu díxenlles que eran uns incívicos”, engade. Foi nese momento cando volveu a Policía, que segundo Mantese, “botou os alborotadores mais non tivo un trato para nada violento con eles”.

“Non botaron gases nin nada, e de feito, a pesar de que estaban liando unha moi gorda, trasladáronse a eles dunha forma moi tranquila. Non houbo violencia policial de ningún tipo”, explica. “A situación rematou coas persoas propietarias dos locais de restauración intentando limpar a rúa na medida das súas posibilidades até que unha hora despois acudiu persoal municipal, xa coa zona despexada”, conclúe Mantese.

Comentarios