Investigan o ultraespañolismo polos disturbios e enfrontamentos coa Policía na sede do PSOE en Madrid

A sesión de investidura de Pedro Sánchez podería decorrer a próxima semana.
Protesta contra a sede do PSOE en Madrid a terza feira. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Protesta contra a sede do PSOE en Madrid a terza feira. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Tanto fontes de Junts como do PSOE ratificaron hoxe a medios estatais que o acordo para que a forza catalá apoie a investidura de Pedro Sánchez (PSOE) a cambio da amnistía das e dos independentistas catalás represaliados está cada vez máis perto. Desde a formación estatal trasladaron que o máis probábel é que a sesión de investidura decorra a vindeira semana.

Hoxe producirase a quinta protesta en cinco días contra a sede do PSOE en Madrid, convocada por Solidaridad, un sindicato vinculado coa ultraespañolista Vox. A terza feira, nunha mobilización que, segundo a Delegación do Goberno estatal, contou con 7.000 persoas, houbo múltiples disturbios e enfrontamentos coas forzas de seguridade.

Nese sentido, a Policía española asegurou que está a investigar os grupos de extrema dereita.

Ademais, nun dos grupos de coordinación das protestas, múltiples persoas reclamaron o uso da violencia logo de que unha ex candidata de Vox, María Isabel Fernández, inquirira sobre as novas medidas a tomar incidindo en que “en Venezuela lanzábamos cócteles molotov” aos vehículos policiais.

Comentarios