A facturación da Xunta con Eulen triplicouse desde 2009

O PP defende a legalidade dos contratos coa irmá de Feixoo

As relacións mercantís entre a Xunta da Galiza e o grupo Eulen volveron nesta cuarta feira ao Parlamento. Após a negativa dos populares a someter estes contratos a fiscalización por parte do Consello da Contas, os socialistas galegos interpelaron ao Executivo sobre a natureza dos mesmos. Máis unha vez, o grupo que apoia ao Goberno defendeu a súa legalidade.

EuropaPress_2664935_vicesecretario_xeral_psdeg_diputado_congreso_coruna_pablo_aranguena-1
photo_camera Pablo Arangüena durante unha intervención no Parlamento da Galiza.(Foto Europa Press).

As relacións mercantís entre a Xunta da Galiza e o grupo Eulen volveron nesta cuarta feira ao Parlamento. Após a negativa dos populares a someter estes contratos a fiscalización por parte do Consello da Contas, os socialistas galegos interpelaron ao Executivo sobre a natureza dos mesmos. Máis unha vez, o grupo que apoia ao Goberno defendeu a súa legalidade.

A Xunta da Galiza, desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia en 2009, formalizou con Eulen contratos por unha contía de máis de 37 millóns de euros. Así, o Goberno galego asinou nos últimos 11 anos 139 acordos a través de 11 das súas consellarías e de 17 entes dependentes da Xunta, como o Servizo  Galego de Saúde (Sergas), Augas da Galiza, Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Sociedade  Galega de Medio Ambiente (Sogama) ou a fundación Semana Verde da Galiza.

Segundo sinalou na súa intervención, o parlamentario socialista, Pablo Arangüena, “recentes informacións periodísticas poñen de manifesto que as adxudicacións por parte da administración autonómica ao Grupo Eulen do que é apoderada ademais de alta directiva a irmá do señor Feixoo, ascenden desde a chegada deste último á Presidencia da Xunta a un importe medio anual de máis do triplo do correspondente ao período de Goberno de Emilio Pérez Touriño”.

Os contratos de Touriño

Arangüena afirmou que “as adxudicacións terían pasado de 793.000 euros anuais de media no período do Goberno de Emilio Pérez Touriño a 2,86 millóns anuais de media desde que Feixoo chegou á Xunta, cun pico máximo de 6,2 millóns de euros xustamente no ano anterior ao momento en que a irmá de Feixoo foi ascendida nesa empresa, todo o cal resulta dos datos que constan no DOG e na plataforma Contratos Públicos da Galiza, que reflicten un total de 37 millóns adxudicados ao grupo Eulen desde maio de 2009”.

O deputado socialista preguntou ao Goberno se “recibiu o grupo Eulen un trato de favor na contratación pública por parte da administración da Galiza”, “que participación tivo o señor Feixoo nos procesos de tramitación dos contratos adxudicados pola administración autonómica da Galiza ás empresas das que é apoderada e alta directiva a súa irmá “ e “como explica o Goberno da  Galiza que as adxudicacións durante os Gobernos do señor Feixoo ás empresas do grupo Eulen multipliquen por 3,5 veces en media anual as feitas polos Gobernos de Emilio Pérez Touriño”.

A resposta do Executivo ás cuestións formuladas polos socialistas veu da man do director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jesús Oitavén, quen aseverou que “a lei establece prohibicións para contratar pero non se dan neste caso”. Neste dirección, afirmou que “non concorren causas de prohibición para contratar porque a irma do señor Feixoo non fai parte do consello de administración do grupo Eulen e non posúe capital da compañía”.

Oitaven defendeu a legalidade dos procedementos de contratación coa empresa Eulen e descargou a responsabilidade sobre algunha suposta irregularidade nos funcionarios que integran as mesas de contratación da Xunta.

Comentarios