Eulen contratou con Concellos e Deputacións gobernadas polo PP

A Xunta adxudicou á empresa da irmá de Núñez Feixoo contratos por 37 millóns de euros

O suposto trato de favor de Alberto Núñez Feixoo ás empresas dirixidas polos seus familiares foi denunciado de xeito reiterado desde a súa chegada á Presidencia da Xunta da Galiza. Neste sentido, son recorrentes as críticas aos contratos do grupo Eulen, onde a súa irma Micaela exerce como delegada para a zona noroeste do Estado. Outro tanto, acontece co grupo Konecta, onde Ignacio Cárdenas Botas, irmán da nai do fillo de Feixoo, ocupa responsabilidades directivas. Porén, as dúbidas afectan a máis compañías con importantes contratos coa Administración galega.

Alberto Núñez Feixoo, a súa irmá Micaela e a súa nai Sira, na noite electoral de 2020.
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, a súa irmá Micaela e a súa nai Sira, na noite electoral de 2020 (Foto: Europa Press).

A historia da expansión do grupo Eulen na Galiza está ligada ao nome de Micaela Núñez Feixoo, irmá do presidente da Xunta da Galiza, empregada da compañía desde 2003, delegada do grupo en Pontevedra e despois na Galiza e máxima responsábel da compañía para a zona noroeste do Estado, a súa actividade profesional está marcada pola polémica. Tanto é así, que deste outras empresas do sector dos servizos, explican os seus ascensos en Eulen como consecuencia do incremento da facturación do grupo nas Administracións galegas dirixidas polo PP.

A Xunta da Galiza, desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia en 2009, formalizou con Eulen contratos por unha contía de máis de 37 millóns de euros. Así, o Goberno galego asinou nos últimos 11 anos 139 acordos a través de 11 das súas consellarías e de 17 entes dependentes da Xunta, como o Servizo  Galego de Saúde (Sergas), Augas da Galiza, Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Sociedade  Galega de Medio Ambiente (Sogama) ou a fundación Semana Verde da Galiza.

Os concellos do PP

Eulen abriu, tamén, portas nos concellos dirixidos polo PP. Neste sentido, en abril de 2012, o Concello de Ferrol, baixo a alcaldía de José Manuel Rey Varela, entregou á empresa da irmá de Feixoo a xestión dos equipamentos culturais de referencia da cidade, entre eles, o Teatro Jofre, o centro cultural Torrente Ballester e o futuro auditorio municipal situado no barrio de Caranza. Outro tanto, sucedeu en agosto de 2012 na Coruña, cando o Goberno local, presidido por Carlos Negreira, outorgou a Eulen por 2.265.741euros a xestión da rede de bibliotecas da cidade.

As Deputacións gobernadas polo PP adxudicaron a Eulen diversos servizos. Así, en abril de 2012, o ente provincial da Coruña, presidido por Diego Calvo, entregou por cinco anos a xestión do Teatro Colón. Anos antes, a Deputación de Lugo, en mans de Francisco Cacharro adxudicou á empresa da irma de Núñez Feixoo o servizo de teleasistencia. Precisamente, o trato a esta compañía e as súas conexións co Partido Popular foron denunciadas desde hai máis dunha década.

Sermos Galiza recollía na súa edición dixital de 26 de abril de 2012 que "é innegábel que as relacións deste grupo empresarial co Partido Popular transcenden a presenza dunha familiar do presidente da Xunta" e lembraba que "en decembro de 2009 o portavoz do BNG Carlos Ameyrich sinalaba con nomes e apelidos á irmá do presidente da Xunta, Micaela Núñez Feixoo, como un factor chave para entender a adxudicación da xestión dos centros do día ao grupo Eulen".

Ignacio Cárdenas e o grupo Konecta

O grupo Konecta foi unha das compañías encargadas dos traballos de rastrexo no primeiro verán da pandemia. A multinacional está especializada na externalización de procesos de negocio en pleno período de expansión, mais con sociedades noutros sectores. A compañía entrou no mercado galego tras a compra de Universal Support, unha empresa con 24 anos de traxectoria creada polo Banco Pastor, facéndose anos despois con outra sociedade do mesmo sector, Sum Talk, anteriormente denominada STD Multiopción.

Sum Talk tivo como CEO a Ignacio Cárdenas Botas, quen tamén exerceu de apoderado de STD Multiopcion e actualmente se presenta como Director Retail eCommerce do grupo Konecta. Ignacio Cárdenas Botas é irmán de Eva Cárdenas Botas, parella de Feixoo e nai do seu fillo.

Comentarios