Polémica co rei Baltasar de Ourense, condenado en dúas ocasións por abusos sexuais

A oposición exixe explicacións a un Xácome que se limita a falar do "mellor Nadal da historia" da cidade.
O rei Baltasar, ao fondo, canda o rei Gaspar. (Foto: Gonzalo P. Xácome / Twitter)
photo_camera O rei Baltasar, ao fondo, canda o rei Gaspar. (Foto: Gonzalo P. Xácome / Twitter)

A Cabalgata de Reis de Ourense transcendeu alén do tradicional lanzamento de caramelos, o emotivo desfile e mesmo as críticas polo uso de dromedarios, pois a elección dun dos monarcas de Oriente, o rei Baltasar, provocou unha enorme polémica a nivel social e político. Quen o encarnou, un home de 37 anos, foi condenado en até dúas ocasións por senllos delitos de abusos sexuais, o último xulgado hai escasos meses.

Iso non impediu que o Goberno de Gonzalo Pérez Xácome contase con el para protagonizar este multitudinario acontecemento no que, con base na lexislación vixente, non podería participar dados os seus antecedentes e o contacto con menores de idade. O Concello, pois, debía pedirlle o certificado de delitos penais antes de convertelo no rei Baltasar.

O coñecemento destes feitos levou a oposición a mover ficha, polo que esta segunda feira tanto o grupo municipal do BNG como o do PSdeG rexistraron as súas respectivas solicitudes formais para a convocatoria dunha xunta de portavoces urxente para que Pérez Xácome ofreza as explicacións oportunas.

Así, os nacionalistas urxen coñecer "cal foi o procedemento seguido á hora de escoller ás persoas participantes na comitiva e os motivos polos cales non se exixiu a documentación pertinente aos mesmos e relativa ao estabelecido tanto na Lei 26/2015 de 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, como na Lei 45/2015 de 14 de outubro, de Voluntariado".

"A cabalgata de Ourense resultou de todo menos exemplar. Á utilización de animais, únese a decisión para elección dos reis magos. Coa prudencia necesaria, e para sair de dúbidas, imos pedir que o alcalde, tamén concelleiro de cultura, dea as oportunas explicacións", apuntou o candidato do Bloque á Alcaldía, Luís Seara.

Pola súa parte, a portavoz municipal do PSdeG, Natalia González, cualificou tamén de "moi grave" o sucedido" e asegurou que o alcalde "debe dar explicacións urxentes á veciñanza".

"Dende o PSdeG de Ourense exiximos saber como foi a selección da comitiva, en base a que criterio, e se se cumpriu ou non a lei, non todo vale", engadiu a concelleira.

O rexedor desta cidade, con todo, eludiu referirse á polémica do rei Baltasar e limitouse a falar do "mellor Nadal da historia" desta cidade.

Comentarios