O PP acusa a oposición de "manipular" e "capitalizar" a protesta pola sanidade

Os populares derivan as responsabilidades ao Goberno español.
Unha muller sostén unha roda na que se pode ler 'Presidente', na manifestación do pasado 12 de febreiro convocada por SOS Sanidade Pública. (Foto: Arxina)
photo_camera Unha muller sostén unha roda na que se pode ler 'Presidente', na manifestación deste domingo convocada por SOS Sanidade Pública. (Foto: Arxina)

O portavoz parlamentario do PP na Galiza, Pedro Pui, acusou esta segunda feira o BNG e o PSdeG de "manipular" e intentar "capitalizar" electoralmente a manifestación que este domingo secundaron en Santiago miles de persoas en defensa da sanidade.

"Igual que fixeron bandeira política e tentaron capitalizar a manifestación pola sanidade pública ocupando os postos máis preeminentes, poderían centrar as súas forzas en convencer o Goberno de Pedro Sánchez para que tome as decisións imprescindíbeis para cubrir as prazas vacantes que existen de persoal sanitario", trasladou Pui desde Xinzo de Limia, onde, no marco do Entroido, mantivo o grupo parlamentario popular a súa habitual reunión das segundas feiras.

Derivar responsabilidades

Un día despois da protesta, Pui quixo manifestar o seu "respecto" a todas as persoas que participaron na multitudinaria manifestación e insistiu en que o PP  é "consciente" de que a sanidade pública enfróntase "a un grave problema" pola "escaseza" de persoal sanitario. Mais derivou as principais responsabilidades desta situación "problemática" da sanidade galega ao Goberno do Estado. 

A ministra portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, cargou onte contra o líder do PP a nivel de Estado e ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, por achacar ao Executivo español a situación da sanidade pública. A ministra lembrou que sanidade é unha competencia transferida ás comunidades. Aliás, desde o PP estatal desbotaron que as protestas pola sanidade poidan afectar o partido electoralmente.

O PSdeG di que a manifestación do domingo é o "Prestige de Rueda"

É o Prestige do señor Rueda", coa "diferenza" de que nesta ocasión, o da sanidade, é "unha catástrofe provocada polas políticas do Partido Popular". Así se referiu onte o portavoz do PSdeG no Parlamento galego, Luís Álvarez, á manifestación pola sanidade pública deste domingo en Santiago.

A protesta reuniu  "miles de persoas" cun "clamor social resumido no que pensa o mundo sanitario e tamén a sociedade civil", dixo Álvarez. "A sociedade galega explicou doutra maneira a necesidade de cambiar esas políticas", advertiu o portavoz do PSdeG na Cámara galega. Álvarez considera que os galegos e galegas "dixeron basta a que, mentres outras comunidades melloran, a Galiza empeora" en materia de sanidade.

Álvarez insistiu en que "non foi unha manifestación política" e sinalou que precisamente "un dos maiores contribuíntes a que fose un éxito" foi que nas últimas semanas os dirixentes da Xunta da Galiza tratasen de "descualificar os convocantes" da mobilización.

Comentarios