Rueda presume do "esforzo" da Xunta en Sanidade na véspera da manifestación pola sanidade pública

O presidente da Xunta defendeu este sábado as "medidas innovadoras" adoptadas e anunciadas para o Servizo Galego de Saúde (Sergas), fronte a quen este domingo se manifestarán "por interese político" en Santiago de Compostela.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistie á inauguración da 49ª Reunión anual da Sociedade Galega de Oftalmoloxía. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistie á inauguración da 49ª Reunión anual da Sociedade Galega de Oftalmoloxía. (Foto: Xunta da Galiza).

Alfonso Rueda referiuse así á mobilización que convoca a plataforma SOS Sanidade Pública, da que o mandatario autonómico recoñeceu que haberá xente que acudirá "lexitimamente" para pedir "que se sigan introducindo melloras" no Sergas.

Con todo, a preguntas dos medios, insistiu en que se ve "clarísima" a "intencionalidade política" dos representantes do BNG e o PSdeG que participarán na manifestación "simplemente por interese político e ningún interese sanitario".

Acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao concluír a inauguración da 49 Reunión Anual da Sociedade Galega de Oftalmoloxía, que tivo lugar en Santiago, Rueda reivindicou que a Xunta se dedicou a buscar solucións "nos últimos meses, non nos últimos días", á vez que prometeu que o seguirán facendo.

Neste sentido, o Goberno galego anunciou esta semana "medidas innovadoras, que non se están aplicando en ningún sitio de España", como a cobertura por concurso -sen oposición- de prazas de difícil cobertura, que serán 413 entre especialistas de Atención Primaria, Pediatría, hospitais comarcais e saúde mental.

Xunto a isto, o Sergas ofrecerá contratos de tres anos aos MIR que finalicen a súa formación.

O foco no Goberno estatal

Son solucións "para tentar resolver unha situación no que poida facer a Xunta", destacou Rueda, quen insistiu en que hai outras cousas que lle corresponden ao Goberno estatal. "Se non, xa estarían feitas", garantiu.

Entre elas, mencionou unha convocatoria MIR extraordinaria e a creación da especialidade de Medicina de Urxencias. "Depende do Ministerio de Sanidade e polo que sexa non lles dá a gana. O que nos queda ás comunidades é tomar outro tipo de medidas que supón un esforzo orzamentario e de organización importante", agregou o presidente galego.

"Boa acollida"

A pesar de que representantes dos colexios médicos e doutros colectivos falaron nos últimos días de "parches" e solucións "curtopracistas" que, iso si, non vían con malos ollos, Rueda asegurou que tiveron "moi boa acollida" entre os profesionais.

"De parches falaron representantes do PSdeG e do BNG que non saben en que consisten as medidas máis aló de anuncios que se fixeron publicamente", esgrimiu o presidente, para acusar á oposición de "intencionalidade política".

"Mans atadas"

"Estamos a demostrar que non é cuestión de diñeiro senón de poder facelo e de normativas que nos teñen atadas as mans para unhas cousas que nos gustaría facer e serían grandes solucións", explicou, antes de volver acusar o Ministerio de Sanidade de "mirar para outro lado".

O presidente da Xunta aproveitou o seu discurso durante o evento de Oftalmoloxía para sacar peito polo feito de que o 45% dos orzamentos da Administración autonómica para este ano están dedicados a sanidade.

Ademais, reiterou o seu propósito de que o Sergas volva ter as listas de espera que había antes da pandemia, un "obxectivo nada sinxelo pero posíbel" para o que apelou tamén ao "esforzo importante" dos profesionais.

"Agora mesmo a sanidade pública é fundamental, por iso investimos eses recursos que sempre son escasos", defendeu, tras o que cargou contra a oposición por falar de "cantidades a tanto alzado" sen dicir "nin sequera de onde as van a utilizar nin de onde as van a sacar".

"Aquí hai que ser moito máis serios, falar cos profesionais, ver onde é necesario tomar medidas, ás veces rápidas, e facelo. O demais é tentar mesturalo todo e crer que facendo barullo coa sanidade se vai conseguir outro tipo de cousas", sentenciou Rueda.

Comentarios