A Xunta acusa a oposición de "trasladar medo" ao evidenciar a situación sanitaria

A situación da Atención Primaria, os recortes no sistema sanitario público e as dificultades para acceder a el marcan a axenda política. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, respondeu onte ás críticas do BNG e do PSdeG pola política sanitaria da Xunta da Galiza acusándoos de "estar empeñados en trasladar medo á poboación" coa mensaxe de que o Goberno galego e o PP queren "desmontar a Atención Primaria".

O presidente galego, Alfonso Rueda, a líder da oposición e do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente galego, Alfonso Rueda, a líder da oposición e do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso. (Foto: Nós Diario)

No marco das medidas anunciadas polo Goberno do Partido Popular (PP) na Galiza pouco antes da manifestación deste domingo en Compostela a prol da sanidade pública, como unha bolsa para gardas en Puntos de Atención Continuada (PAC) de áreas cun gran número de vacantes, o conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, tratou a sexta feira de desvincular a iniciativa da mobilización prevista na fin de semana.

“A Xunta xa se manifesta todos os días en todos os foros en favor da sanidade pública”, argüíu, cuestionando que “outros defenden a sanidade convocando manifestacións e non apoiando as medidas da Xunta”, en referencia á oposición formada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG).

Asemade, aproveitou para criticar o Executivo español, ao que atribuíu “ausencia” á hora de tomar medidas.

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu arremeter contra a mobilización convocada por SOS Sanidade Pública, sinalando que “hai un enorme grao de politización” e reprochando que a oposición non recoñeza que os cambios propostos “mellorarán, cando menos en parte”, a situación.

Ao tempo, asumiu que “hai un problema de falta de médicos”, mais se negou a relacionalo cun baixo investimento na sanidade insistindo en que están dispostos a “usar os recursos que se merece a sanidade pública”. 

O PP culpa Madrid

Neste sentido, reiterou que non está nas mans do Goberno galego resolver este problema -así e todo, a sanidade é unha competencia exclusiva da Galiza-, e do mesmo xeito que Comesaña culpou o Executivo español.

“Vimos de anos nos que non se estiveron a executar os orzamentos e agora as prazas”, contestoulle o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, que lle solicitou deixar “de pórse de costas á realidade”.

Unha resposta á "improvisación"

Desde Compostela, a líder da oposición e do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento á cidadanía para acudir a manifestación do domingo para enviar “unha resposta clara e contundente a un PP que amosa con anuncios de última hora que segue na improvisación e que non ten alternativa”.

Nunha reunión no Parlamento cunha representación de profesionais e persoas usuarias, Pontón recalcou que “é o día para saír unidas a defender o máis importante: o dereito á saúde, o dereito a ter unha cita en Atención Primaria, o dereito a non ter unhas urxencias saturadas e o dereito a ter un sistema que responda ás necesidades que teñen as persoas deste país”, criticando que 194 concellos non teñan pediatra, polo que non hai profesionais en 6 de cada 10 localidades.

Á vez, puxo en dúbida o suposto investimento da Xunta e definiu a situación actual da sanidade pública como unha “voadura programada polo PP, responsábel de empeorar constantemente a xestión en Atención Primaria”, unha deterioración que responde a “un recorte acumulado de 2.339 millóns de euros no investimento en Atención Primaria desde 2009”.

Tamén instou a participar na manifestación o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que trasladou o seu convencemento de que será “multitudinaria”, antes de cualificar como “parches” os últimos anuncios do Goberno neste ámbito.

Oportunidade laboral

“É un tema de recursos, [hai que] incentivar que o mundo sanitario galego teña unha oportunidade laboral de futuro aquí”, sostivo. Amais, trasladou que as galegas e galegos non van aceptar que se beneficie á sanidade privada “en detrimento da pública”.

En última instancia, recomendou ao PP que “escoite máis a sociedade galega” e á súa defensa da sanidade pública, “un alicerce básico ao que non se vai renunciar”.

Comentarios