O PP ábrese a negociar porque "Ourense non pode ter como goberno un alcalde e dous edís"

O Partido Popular e o PSOE aparcan as siglas nun encontro convocado polo grupo local de Ciudadanos para tentar desbloquear a situación de desgoberno na que se atopa a cidade desde hai varias semanas.

EuropaPress_3306376_ediles_populares_ourense
photo_camera Imaxe do día en que o PP local anunciou a ruptura do pacto de Goberno. (Foto: Europa Press)

O PP e o PSOE, aínda que moi distantes tamén no que se refire á política municipal, atopáronse esta segunda feira nun intento de atopar unha solución para que Ourense teña un goberno municipal normalizado. Após o convite de Ciudadanos reuníronse co obxectivo de "buscar unha saída á situación de bloqueo sen antepoñer as siglas". 

Ao encontro de traballo, que decorreu no Liceo de Ourense,  acudiron o voceiro municipal socialista, Rafael Rodríguez Villarino; a súa homóloga no PP, Flora Moure co edil Jorge Pumar e o líder de Ciudadanos no Concello, José Araújo. Dáse a circunstancia de que o PSOE foi a lista máis votada nas eleccións e o PP soportaba o pacto de Goberno con Democracia Ourensá até que apareceron as acusacións dos concelleiros críticos coa xestión de Gonzalo Pérez Jácome. 

Antes desta invitación os representantes do Partido Popular xa rexeitaran unha primeira cita impulsada polo BNG e outra que se artellou despois do último pleno municipal, mais hoxe apostaron na participación porque "Ourense non pode ter como goberno un alcalde Gonzalo Pérez Jácome ( DO) e dous concelleiros" (outros cinco retiraron o apoio ao rexedor con dimisións ou críticas). 

Ao ver que instar a Pérez Jácome a dimitir non funcionou, os populares dixeron estar “dispostos a dialogar con todas as forzas políticas que compoñen a corporación municipal" e que "pretendan dunha forma leal e honesta buscar unha solución á gobernabilidade". 

"Non se trata só de cambiar un alcalde, senón de conformar un goberno e unha maioría que o sustente", resaltou Moure, que aclarou que á formación que representa gustaríalle ser “parte da solución do problema”. 

"O goberno rompeuse porque a confianza perdeuse, non fixo ningún esforzo por recuperala", comentou a voceira, volvendo a xustificar aquel anunciou que fixo o exconselleiro e exalcalde Jesús Vázquez hai non moitos días. 

O PSOE listo para gobernar

Na actualidade, Ourense depende só de Pérez Jácome, acompañado do recentemente nomeado tenente de alcalde, Armando Follea, e de Telmo Chao, edil entrante tras a dimisión de Mario González. É dicir, unha ducia de áreas de traballo están repartidas entre tres persoas. 

Nesta parálise, semella que a moción de censura vai a ser a única saída real para apear ao alcalde do seu cargo. Nesta liña, o PP recordou que “sabe gobernar” posicionándose como partido substituto. "Demostrámolo estes meses, estamos preparados para seguir facéndoo, agora estamos dispostos a dialogar con todos os partidos desde posicións honestas e comprometidas", propuxo Moure. 

O voceiro do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, confesou que o seu interese é que os contactos se manteñan e que "sexan frutíferos para buscar unha saída a esta situación de bloqueo". 

Os socialistas subliñaron que están "en disposición de liderar un goberno seguindo o expresado pola cidadanía nas urnas". 

Comentarios