Análise

José Manuel Baltar ponlle a proa a Jácome

O conflito político no interior do Goberno local de Ourense non fixo máis que comezar. As denuncias de irregularidades na xestión dos fondos de Democracia Ourensá, as declaracións de Gonzalo Pérez Jácome contra algúns poderes ourensáns e o silencio do PP adiantan outra fase nesta batalla polo control da cidade.

EuropaPress_2365819_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

José Manuel Baltar libra a súa guerra en varias frontes. A unha banda tenta recuperar o poder institucional perdido nos pasados comicios municipais, que puxo en risco a súa permanencia á fronte da Deputación de Ourense. Por outro lado precisa gañar lexitimidade nun partido cuxo liderado herda do pai e conseguir o favor dunha militancia cada día máis desencantada coas súas formas e co seu estilo. Ao tempo necesita colocarse nunha mellor posición para afrontar a sucesión de Feixoo sen ser relevado da súa responsabilidade á fronte do PP na circunscrición.

Os movementos políticos en Ourense explícanse nestas claves. A mudanza do Goberno de esquerdas en Laza após o cambio de posición dunha candidatura situada no ámbito da marea, das mocións de censura contra os alcaldes nacionalistas de Castrelo de Miño e de Viana de Bolo e a fichaxe do rexedor de San Xoán de Río responden á tentativa de darlle a volta aos resultados das últimas eleccións locais. A operativa de Baltar estase vendo favorecida pola descomposición do antigo espazo político das mareas, con relativa presenza nas comarcas do interior sur da Galiza e a crise interna do PSOE.

O secretario xeral dos socialistas ourensáns e portavoz municipal no Concello de Ourense, Rafael Villarino, é un dos grandes perdedores de todo este proceso. A incapacidade para frear o apoio dos concelleiros socialistas ás mocións de censura de Castrelo de Miño e de Viana de Bolo deixa en evidencia a súa autoridade e aumenta as dúbidas sobre un liderado xa cuestionado por unha parte da militancia da formación. Segundo puido saber Nós Diario estes sectores críticos dan por segura a caída de Rafael Villarino para o congreso do partido do vindeiro ano, ao tratarse dun dirixente moi próximo a Gonzalo Caballero.

As cousas tampouco están doadas para José Manuel Baltar no interior do seu partido. Malia que ninguén cuestiona abertamente a súa xefatura nunha organización articulada arredor do Goberno da Deputación e da lealdade persoal ao sei pai, a súa falla de sintonía cunha parte da afiliación e dos cadros da formación é clara. Fontes populares explican o descenso de voto das pasadas eleccións locais como consecuencia da “política de brazos caídos” de sectores da militancia contrariados co seu estilo. “A ourensanía non chega para gañar eleccións”, sinala a Nós Diario un vello militante do PP, que lamenta que “Baltar non ten a capacidade nin a calidade humana do pai”.

Ourense é a pedra no zapato do clan Baltar. Tradicionalmente os alcaldes da dereita na cidade resistíronse ao seu control, polo que a elección de Jácome, tras un pacto co PP foi contemplado como unha oportunidade para lograr o prezado botín. Neste sentido, diversas fontes consultadas por Nós Diario consideran que José Manuel Baltar tiña decido substituír a Jácome na alcaldía desde o primeiro momento, “agora precipitáronse as cousas pola crise en Democracia Ourensá e pola denuncia de irregularidades nas contas do partido”. Sexa como for, a soidade política de Jácome é manifesta e só mantén no grupo de Goberno o apoio do seu fiel compañeiro Armando Ojea.

Jácome está disposto a resistir até o final e xa disparou con munición pesada contra os propios. Así, desde a súa conta de twitter afirmou que “a ninguén se lle escapa que detrás de certos movementos agóchanse intereses económicos espurios que sempre gobernaron esta cidade. A miña loita céntranse en evitar pelotazos urbanísticos, léase PXOM, así como concesións infladas. Non a todos gusta”. As declaracións de Jácome prodúcense após a aprobación provisional co seu voto dun conflitivo PXOM e cando se sacan a licitación diversas concesións, entre elas o servizo de mantemento de parques e xardíns por preto de 1,7 millóns de euros.

A crise de Goberno está servida en Ourense. Os próximos días coñecerase o momento e a forma na que Jácome é desaloxado da alcaldía, nunha operación onde Ciudadanos está xogando un papel de relevo. A formación laranxa, apoiada nas súas orixes por importantes referentes do PP enfrontados ao clan Baltar, como Manuel Cabezas e Poli Novoa e liderada polo antigo concelleiro deste partido, José Araúxo, vén funcionado xa como un aliado de Baltar na Deputación de Ourense. Ao tempo, a opción de retornar ao PP cobra forza entre algúns militantes de Ciudadanos, unha vez que analizan como fracasado este proxecto político.

O posíbel substituto

Miguel Caride, portavoz municipal de Democracia Ourensá (DO) e concelleiro de Infraestruturas, aparece como probábel substituto de Gonzalo Pérez Jácome. Ao seu favor xogan 5 concelleiros de DO, 2 representantes de Ciudadanos e 7 rexedores do Partido Popular liderados por José Manuel Baltar que suman a maioría absoluta.

Comentarios