Crise política en Ourense

O PP de Ourense acusa Jácome de "victimismo"

O grupo municipal popular saíu ao paso das declaracións do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, contra Feixoo por non enviarlle unha carta de colaboración como ao resto de alcaldesas e alcaldes das grandes cidades do país.
EuropaPress_2166745_jesus_vazquez
photo_camera O popular Jesús Vázquez no salón de plenos de Ourense. (Foto: Europa Press)

O grupo municipal do PP en Ourense censurou este domingo o que entende por "victimismo" do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, após as críticas vertidas polo seu ex socio de goberno contra o presente da Xunta.

As palabras contra Alberto Núñez Feixoo xurdiron tras saber que non enviou a Ourense unha carta similar ás remitidas ao resto de alcaldes e alcaldesas das grandes cidades galegas para ofrecerlles a colaboración da Administración do país na loita contra a pandemia.

A través dun comunicado, os populares con Jesús Vázquez á fronte consideran as declaracións de Jácome "unha manobra de distracción para evitar falar e aclarar" as "graves acusacións" efectuadas polos críticos do alcalde dentro de Democracia Ourensá.

Non hai que esquecer que esta semana o rexedor quedou só co apoio dun edil para manter o seu cargo. O PP viña de romper o pacto de Goberno e o propio Jácome de retirarlle competencias a edís do seu propio partido.

"Aínda que é urxente e perentorio que se aclare esta situación, o alcalde de Ourense prefire botar bombas de palenque para desviar a atención da opinión pública", sinalan.

Desde o punto de vista da organización política, houbo colaboración "desde fai once anos" da Xunta coa cidade, algo que, din, faise "moi complicado" ante a situación actual.

"Esperamos e confiamos en que axiña que as dúbidas se despexen, poderase retomar o diálogo coa cidade de Ourense", afirma o PP, que considera que "é responsabilidade do alcalde, única e exclusivamente, o feito de recuperar a confianza perdida na súa persona polas dúbidas que se nega sistematicamente a aclarar".

Comentarios