sábado 26/09/20

Portazo do PP a investigar a xestión das residencias durante a crise sanitaria

O PP pide no Congreso investigar a xestión da crise, mais rexeita facer o mesmo na Galiza.
O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy (Imaxe: Europa Press)
O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy (Imaxe: Europa Press)

O portavoz do Partido Popular (PP) no Parlamento galego, Pedro Puy, rexeitou a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a pandemia, unha cuestión solicitada en reiteradas ocasións pola oposición e por asociacións de familiares e usuarias de centros xeriátricos.

En cambio, Puy apelou ao "consenso" para debater "reformas" na comisión para a reactivación económica e social, cuxa creación anunciou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, durante o debate de investidura na Cámara galega.

Nunha rolda de prensa, após finalizar esta segunda feira, 14 de setembro, a primeira reunión da lexislatura do grupo parlamentar popular, preparatoria da xunta de portavoces convocada para hoxe, Puy incidiu en que no Hórreo hai comisións permanentes "nas que se poden facer iniciativas no ámbito sanitario e de política social".

"O traballo parlamentar vinculado á actualidade e ás necesidades do país ten moitos medios polos que discorrer", engadiu. Así, fronte á comisión de investigación, avanzou que a postura do PP "é tentar que o traballo desa comisión -a de reactivación económica e social- sexa positivo para saber que fallou e, sobre esa base, propor reformas para o futuro (...) Confiamos en poder chegar a un acordo respecto diso", sentenciou Puy.

Porén, e a pesar do rexeitamento do PP galego á comisión de investigación, o mesmo partido a nivel español si vén de propor unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados sobre a xestión da pandemia que fixo o gabinete de Pedro Sánchez.

Así o avanzou, ao mesmo tempo que falaba Puy, o presidente dos populares, Pablo Casado, nunha entrevista radiofónica. Tal comisión procuraría determinar "responsabilidades políticas" pola "pésima xestión" da crise "que arroxou unhas cifras, non recoñecidas polo Goberno, de 50.000 vítimas e 500.000 contaxios", asegurou Casado.

Demandas ao Estado

Puy aproveitou a súa comparecencia para reclamar ao Goberno español que "retire as limitacións para a reposición de persoal no sistema sanitario público", unha normativa estatal que regule as sancións polos incumprimentos nas medidas hixiénico-sanitarias impostas, e que a Lei Orgánica de Sanidade Pública "permita que as comunidades autónomas poidan actuar con máis eficacia na adaptación de medidas que preveñan os contaxios"

comentarios