Núñez Feixoo enxalza na investidura a súa xestión

Alberto Núñez Feixoo resultou investido presidente da Galiza após un debate en que o popular puxo o balón da xestión da pandemia en Madrid e tirou de "medias" para enxalzar a súa actuación na Xunta con datos que a oposición acusou de non seren reais. 
 
Alberto Núñez Feixoo (PP), onte no debate de investidura no Parlamento galego (Imaxe; Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (PP), no debate de investidura no Parlamento galego (Imaxe; Arxina)

Con 42 votos a prol, os que corresponden coa maioría absoluta do Partido Popular na Cámara galega, saíu electo esta quinta feira, 3 de setembro, Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza por cuarta vez. En contra sumou os 19 votos do Bloque Nacionalista Galego e os 14 do Partido Socialista. Así se saldou a segunda xornada debate de investidura, após o pleno da terza feira en que Feixoo expuxo o seu programa de Goberno. 

Na sesión desta cuarte, Feixoo replicou durante máis de dúas horas e media as intervencións da líder do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, Gonzalo Caballero, limitadas estas no tempo a media hora cada unha máis unha resposta de dez minutos. O presidente iniciou a súa réplica  como se dunha comparecencia ante os medios sobre a situación sanitaria se tratar, dando conta do número de contaxios activos, hospitalizacións e falecementos na Galiza a causa da Covid-19.

Quixo tamén iniciar o seu discurso celebrando a sentenza que ditou o xulgado da Coruña, a prol da devolución do pazo de Meirás para o ben público. Así, o mesmo presidente que dixera nunha entrevista en 2017 que “era franquista” expropiar o pazo aos Franco, quixo agora parabenizar o pobo galego pola recuperación do inmóbel e puxo o informe elaborado pola Xunta como peza chave na sentenza xudicial.

Aí respondeulle Pontón, culpándoo de "crer as súas propias mentiras e de distorsionar a realidade, dicindo que hoxe hai máis emprego, máis camas hospitalarias ou aseverando que o informe da Xunta [en relación ao pazo de Meirás] foi o primeiro que houbo, sendo previo o da Deputación da Coruña". dixo Pontón, para ilustrar que así o recoñeceu a propia sentenza xudicial que, pola contra, "non fixo moito caso ao informa da Xunta, que entre outras cousas dicía que había que indemnizar os Franco", espetou Pontón. 

Coa ollada en Madrid

O líder popular reprochou á oposición as críticas realizadas sobre a xestión da pandemia, centrando boa parte da réplica en Gonzalo Caballero, para pór así sobre o tellado do seu compañeiro de partido e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a responsabilidade da xestión da crise en cuestións nas que a Xunta ten competencia, como ensino, sanidade ou industria.

Feixoo tirou de “medias” para anunciar o que el denominou “recuperación do traballo” con 43.800 afiliados máis desde o inicio até a fin da anterior lexislatura. Recriminou ademais Caballero por falar da “contracción” do PIB e do emprego por mor da pandemia, tirando outra vez desas “medias” para citar que o PIB na Galiza baixou 4 puntos menos que a media do Estado.

Con habilidade, debuxou o socialista a "trampa do PIB", poñendo como exemplo que se nunha familia galega con dous fillos, un deles marcha da Galiza, a renda por habitante sobe pero o país vai a peor. 

Autogoberno

“O estatuto de autonomía que xuramos defender é a nosa guía diaria de Goberno e de acción política”, respondeu Feixoo a Ana Pontón e Gonzalo Caballero, que acusaran previamente o popular de non facerse cargo das competencias que a Galiza ten. "Coincidimos na Constitución española e no Estatuto de Autonomía como guía permanente de actuación e convídolle a que poidamos afondar nelas”, dixo ao socialista. Feixoo defendeu a necesidade dunha nova lei orgánica de saúde para actuar na pandemia fronte á alternativa do estado de alarma, fronte ao mando único, dixo, como presidente da Xunta e como “representante do Estado na Galiza”. Porén, non adiantou nada sobre en que consistirá esa norma sanitaria.

“Eu creo no Estatuto máis que vostedes”, espetoulle a Pontón, criticando ao BNG “non ter evolucionado e ser o mesmo da súa fundación”, criticando Pontón por defender un concerto económico para a Galiza. “Sería un disparate”, dixo Fixoo entre risos. Igualmente criticou a proposta nacionalista de recadar o imposto de sociedades ou pular por unha banca pública. Ao igual que a nacionalista lle pediu “moderación” (con sorna) ante os ataques da Xunta á lingua galega, Feixoo pediullo á líder da oposición en canto á “monarquía parlamentaria” española. 

“Non lles importa o que pase en España”, proseguiu Feixoo, “pero a nós si, porque somos españois e cremos na nación española”.

Educación

Tamén no ensino botou Feixoo balóns fóra. “Para que existen Ministerios de Educación, de Universidade e de Ciencia? Pedimos desde maio nas conferencias de presidentes chegar a acordos mínimos para dar seguridade ás familias e aos docentes, mais até o 27 e 28 de agosto non se reuniron os ministros cos conselleiros para chegar a un acordo que agora critican", dixo o popular en referencia ao PSdeG. 

“Non estamos de acordo co reparto dos fondos Covid”, espetou o presidente, a pesar de que o PP votou a prol dos criterios de reparto nas Cortes Xerais.

As chaves de Pontón: axenda social, plan de reactivación económica e defender Galiza

"En vez de compararse con quen o fai ben, compárase continuamente cos peores", recriminou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Núñez Feixoo ante o enxalzamento que este realizou da xestión da crise pola Xunta. 

A voceira do Bloque amosou no debate o “compromiso total” do nacionalismo con todas e todos os galegos, con independencia do seu voto, e descartou que as políticas “vellas e caducas” dos populares axuden a superar a crise sanitaria, social e económica. Pontón, que comezou falando da Covid-19 e das “duras consecuencias” dunha pandemia que deixou moitos falecementos e a “perda de miles de empregos” no país, asegurou que a mellor homenaxe que se lle pode facer ás vítimas “é defender a sanidade pública”.

Tamén aludiu á necesidade de rematar co “negocio” que se fai “co dereito a unha vellez digna” e traballar nunha “reestruturación” do sistema residencial cara ao público.

Precisamente coa mirada posta nos colectivos máis castigados, Pontón marcou como unha das súas prioridades para os próximos catro anos conseguir artellar unha axenda social. “De verdade pensa que se poden enfrontar as consecuencias económicas e sociais da pandemia coas mesmas promesas de sempre e con receitas vellas e caducas?”, interrogou a Feixoo.

De feito, outra das liñas mestras para a nacionalista é a reactivación económica, que confrontou coas promesas destes catro anos pasados que non chegaron a bo porto. Así, falou, por exemplo, do "compromiso" do PP para “captar talento” do exterior ou para conseguir emprego da man de Pemex. En total enumerou 21 anuncios de Feixoo que quedaron no caixón. “Prometeu, prometeu, prometeu... De verdade non lle dá apuro ver como a súa palabra non ten ningún valor?”, lanzou á bancada popular. 

Entre as iniciativas do nacionalismo situou un cambio do “modelo enerxético e do papel da Galiza” neste sentido. O terceiro eixo no que marcou a meta foi defender o país ante outras Administracións. Pular pola lingua, a capacidade de decidir e uns medios públicos fronte á "manipulación" do PP sobre a CRTVG foron alicerces do discurso da nacionalista. 

Caballero urxe a aplicar e desenvolver o Estatuto

“Imos ser coherentes cos valores socialistas, defendendo o público, tendo a loita pola igualdade como bandeira e como referencia” e entendendo “as políticas como ferramentas” para cambiar e avanzar, dixo Gonzalo Caballero no debate de investidura. Nese sentido, o líder socialista pediu políticas diferentes ás aplicadas na crise anterior, sen “recortes” nin “ortodoxia”.

“Temos que construír un cinturón protector para que ninguén quede atrás”. Para iso tamén anunciou catro eixos "prioritarios" nesta lexislatura “para facer unha defensa férrea do social, dando protección á cidadanía, fortalecendo a sanidade pública, garantindo protección social, priorizando un novo modelo de residencias, ensino de calidade” e a loita pola igualdade e o feminismo, momento que aproveitou para exixir a creación dunha  Consellaría da Igualdade. Dentro deses catro eixos, Caballero destacou a necesidade de crear un “plan rexorde para potenciar a economía e xerar emprego, desde os retos da transición ecolóxica” e pular pola “rexeneración e a calidade das institucións”. 

Dentro das bases que o PSdeG ve precisas nesta lexislatura atópase a aplicación do Estatuto de Autonomía. Caballero reprochou a Feixoo que non exerza as competencias que a Xunta ten a nivel de industria, ensino, sanidade... 
De feito, rematou o discurso erguendo un exemplar do Estatuto, instando Feixoo a aplicalo. 

O instante "máis vergoñento" no Parlamento

Foi durante a intervención da líder da oposición, Ana Pontón, cando o Parlamento viviu o seu momento máis tenso. Con dureza cargou a nacionalista contra Núñez Feixoo polo tratamento que este realizou da crise das residencias na súa intervención. 
"O máis sangrante é o que leva acontecendo coas residencias de maiores. Señor Feixoo, póñase na pel dun galego que sufriu a perda dun familiar na residencias (...) e que escoita que o seu presidente usa esa morte como unha cifra máis para compararse cunha media. Dixo literalmente que tivemos 'menos mortalidade en residencias que no conxunto de España, sete veces menos falecementos dos que nos corresponde por poboación'. Foi un dos momentos máis vergoñentos que eu vivín como deputada neste Parlamento", espetou. 

Pola súa banda, Feixoo asegurou na réplica que "non vai entrar niso", en referencia ás críticas efectuadas pola nacionalista e polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sobre as deficiencias na rede residencial galega e, en relación aos sete centros xeriátricos que prometeu construír nas cidades galegas hai catro anos e que agora voltou a anunciar. A este respecto Feixoo escudouse en que "as Alcaldías deses concellos non ceden nin un metro" de solar á Xunta.

Sobre a comisión de investigación parlamentaria da crise nas residencias que tanto o Bloque como o Partido Socialista pediron, Núñez Feixoo contraatacou asegurando que o Goberno español non dá os datos das persoas falecidas nos centros de maiores mentres que a Xunta “achega eses datos cada 24 horas”.

“Galiza precisa un novo modelo de residencias”, dixo Gonzalo Caballero, que reivindicou a necesidade da investigación parlamentaria para coñecer que erros se produciron para poder aprender deles. 

Comentarios