Entrevistamos o portavoz do Grupo Parlamentar do PP

Pedro Puy: "A situación educativa actual é sobrevida e inevitábel"

Afondamos nas medidas e nas decisións a tomar de cara a salvar a crítica situación dos centros de ensino e de maiores e, analizamos con el as directrices do Goberno, no contexto da Covid-19. 
pedropuy9
photo_camera O deputado do PP, Pedro Puy. / Arxina

- Cales son os obxectivos, as chaves do Goberno do PP (Partido Popular) para esta lexislatura?
Como se expresou no acto de investidura, hai unha actuación perentoria que é adaptarse á pandemia e continuar a prestar os servizos públicos, sanitarios, educativos e sociais na nova contorna da maneira que ofreza máis garantías. Por outra parte, a Galiza tiña outros problemas que solucionar a curto prazo, falo da industria electrointensiva e do problema de Alcoa, das amezas da empresa relacionada co mar, pola posíbel modificación da Lei de Costas, a situación pola que pasan os estaleiros públicos... E xunto con eses problemas, que estaban enriba da mesa antes da pandemia, tamén estaban os que teñen que ver coa dinámica do país a longo prazo. Adaptar o tecido produtivo á nova realidade, que implica fomentar a innovación na industria e nos servizos, optimizar o uso do territorio e, por suposto, o problema demográfico.

- Fala vostede de industria pero no novo Goberno non ten unha Consellaría de seu.
Hai unha Consellaría de Innovación e de Empresa e, evidentemente, o reto da industria é a innovación. Estamos a falar do tecido empresarial e industrial da Galiza, sexa público ou privado, e polo tanto esa ausencia é unha cuestión nominal. O que reflicte o novo Goberno é que este tema ten prioridade, porque se creou unha nova Vicepresidencia xustamente para traballar de maneira máis horizontal no ámbito da innovación.

- A outra Vicepresidencia ten turismo e, aínda que sexa unha ‘cuestión nominal’, parece que recuperación económica non se vai fiar na industria.
É certo que o turismo ten un peso importante no noso produto interior bruto, e tamén que o noso turismo, sobre todo vencellado ao Xacobeo, permite que os ingresos do sector non sexan estacionais, xunto con outras actividades que se están a promover desde a Xunta desde hai tempo, como o turismo cultural ou o relacionado cos deportes náuticos. Pero a principal actividade en perspectiva é o Xacobeo e o turismo segue a ser prioritario no novo contexto da Covid-19 e paréceme que merece a relevancia de estar nunha Vicepresidencia que pode coordinar os esforzos dirixidos a garantir a seguridade nese ámbito.

- O sector servizos está moi prexudicado pola Covid-19 e non parece que vaia haber unha cura a curto prazo. Non é un erro darlle prioridade ao turismo?
O turismo é unha parte importante do sector servizos pero non é a máis importante, nin reflicte todas as demandas de transformación do sector. Hai problemas específicos na área comercial que xa viñan derivados da aparición de plataformas en liña que fan ventas masivas e, polo tanto, poden xogar coa baixa dos prezos, e hai outras partes do sector que conseguiron en boa medida adaptarse ás necesidades dos mercados, como bancos ou seguros. O turismo é importante e, na Galiza especialmente, polo Xacobeo, pero a preocupación polo sector servizos debe ser máis ampla. 

- Non é o cambio de titularidade en Educación, con todo o que está a pasar, unha emenda ao propio Goberno?
A educación e o cambio de titularidade é unha competencia do presidente e, explicouno el mesmo, que se trataba de dar prioridade ao emprego e á igualdade coa creación dunha nova consellaría, sen incrementar o número total delas nin os altos custos administrativos. Certo que o inicio do curso escolar é problemático, en todo o mundo, estamos expostos á Covid-19 pero lévase tempo a traballar nos protocolos, o primeiro publicouse en xuño, fomos a primeira comunidade en facer a adaptación normativa. É unha situación de moita responsabilidade para pais e nais, alumnado, persoal docente... Entendemos que a educación presencial é fundamental e hai que facer un esforzo para que o contaxio incida o menos posíbel.

-Pero o sector educativo reitera que os protocolos non son claros, que hai que baixar as ratios e aumentar o número de docentes... E tamén di que non hai un plan para cando se produza un contaxio.
Estanse a facer todos os protocolos pero logo hainos que adaptar á realidade de cada centro educativo porque non son as mesmas situacións as do medio rural ou as do centro dunha cidade. Por iso os protocolos contemplan certa flexibilidade para que os diferentes colexios, a través das equipas directivas, poidan adaptarse ás circunstancias. Dito isto, Galiza fixo un protocolo en xuño que se debateu coa comunidade escolar e que se foi adaptando ás novas circunstancias. En liñas xerais estanse a facer as cousas ben tendo en conta as dificultades dun momento no que, como se ten dito, o risco cero non existe e todos temos que ir aprendendo sobre a marcha e cando digo todos digo pais e nais, profesorado e persoal administrativos dos centros. O profesorado, de feito, xa se está a ampliar con profesores de reforzo e está anunciado un incremento dun milleiro de persoas. Pódese pensar que poden ser máis ou menos, pero a realidade é que se están a facer esforzos. E reitero que é un momento de responsabilidade para todos, no peor da pandemia houbo moitos profesionais, públicos e privados, que fixeron un esforzo para adaptarse á nova situación e a educación pública tamén ten que decatarse de que esta situación é sobrevida e inevitábel. Os efectos serían dramáticos de perderse o ano escolar.

- Na sanidade e na política social hai unha enorme crise que afecta os centros de maiores.
Coido que a sanidade pública foi capaz de dar unha magnífica resposta a esa crise da Covid-19 e, polo tanto, en liñas xerais o seu persoal está a actuar dunha maneira responsábel e exemplar. En canto a servizos sociais tamén se actúa e, á parte dos protocolos repartidos por todos os centros, cando xorde un problema nunha residencia específica, na que entra o virus e se dá un contaxio xeral estase a intervir. E nun plano inmediato, xa se ten anunciado que no inicio da lexislatura se vai repensar a relación entre os servizos sociais e as residencias co sistema sanitario público, para resolver disfuncións apreciadas no inicio da pandemia.

- Ana Pontón criticou que haxa unha Presidencia e dúas Vicepresidencias dirixidas por homes e di que iso manifesta que non se lle dá importancia á paridade.
Evidentemente, o Goberno resposta e cumpre a Lei de Paridade, aprobada cando gobernaba o BNG, e hai consellarías cunha transcendencia fundamental que están dirixidas por mulleres, como é a de Política Social, pero tamén se criticou a súa continuidade. As mulleres e o homes que están en cada unha das consellarías están polo seu propio mérito e polas súas propias capacidades para xestionar as áreas que teñen atribuídas.

Comentarios