Sesión de investidura

Pontón ve "promesas enlatadas" e "cambios de cromos" para a Xunta no discurso "do día da marmota"

Para a líder do BNG, Rueda debuxou no seu discurso "a imaxe idílica" da Galiza "que constrúe a TVG para maior gloria do PP", na que "non existen as listas de espera en atención primaria", "non hai nenos sen pediatra", "non hai xente que segue reclamando poder vivir do seu traballo no campo ou a pesca" e "non hai mozas que se ven obrigadas a coller a maleta" por falta de "oportunidades" para os seus proxectos de vida.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios após escoitar o discurso de investidura de Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios após escoitar o discurso de investidura de Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou esta terza feira de "tremendamente preocupante" o contido do dicurso de investidura do candidato do PP á Xunta, Alfonso Rueda, porque "demostra que non ten ningunha idea nova" máis aló de "as mesmas promesas enlatadas" ás que engade "cambios de cromos" na organización do Goberno galego cos que "esconder" a súa "falta de proxecto de país". A líder nacionalista, na súa comparecencia ante os medios após a conclusión da intervención coa que se abriu esta terza feira a sesión de investidura do actual presidente en funcións, incidiu en que o discurso de Rueda "podería ser o de hai dous anos, o de hai catro ou o de hai oito anos".

No que cualificou como "o discurso do día da marmota", Pontón aprecia que Rueda cae nas "mesmas promesas enltadas" sen "ofrecer un novo horizonte aos galegos" nun momento "no que cambian con rapidez as cousas no mundo". Ao seu xuízo, a intervención de Rueda careceu de "ideas novas" máis aló dunha "relación de propostas, moitas repetidas", o que a levou a preguntarse "onde están os grandes proxectos estratéxicos nun momento no que todo cambia de forma acelerada".

Para Pontón, Rueda debuxou no seu discurso "a imaxe idílica" da Galiza "que constrúe a TVG para maior gloria do PP", na que "non existen as listas de espera en atención primaria", "non hai nenos sen pediatra", "non hai xente que segue reclamando poder vivir do seu traballo no campo ou a pesca" e "non hai mozas que se ven obrigadas a coller a maleta" por falta de "oportunidades" para os seus proxectos de vida.

Ante unha intervención que contrasta, segundo a líder frontista, coa "realidade" da Galiza, Pontón recoñeceu que "comparte" con Rueda a sentenza do final do seu discurso, cando apelou ás posibilidades "imparábeis" da Galiza se se confía no seu potencial. "O problema é que o PP leva 15 anos sendo un límite para Galiza", sentenciou Pontón, que avanzou que a vindeira quinta feira tratará de esbozar na súa intervención que o BNG representa "a alternativa para mellorar a vida das persoas".

Pacto pola industria

Preguntada polo pacto pola industria ofrecido ao resto de forzas políticas por Rueda, Pontón rexeitou unha oferta que considera "na práctica" unha "bendición" ás políticas do PP. "Non hai oferta de pacto. O que se ofrece é que apoiemos unha política de espolio eólico no país", sentenciou, após afirmar que "todo" o proposto "xa se aprobou na Lei de acompañamento [dos orzamentos]".

Pontón incidiu en que o BNG "ten a man tendida" sempre que Rueda "queira cambiar" un modelo que, ao seu xuízo, supón "pasar por riba" da xente do mar e da pesca coa instalación de proxectos de eólica mariña en "caladoiros" e da conservación do medio natural. "O que se propuxo non é un pacto, é unha rendición", apostilou.

Cambios na Xunta

Sobre os axustes na estrutura do Goberno galego, Pontón considerou que se trata de cambios orientados a "esconder" que "non vai cambiar nada" nas políticas e medidas que se porán en marcha. Ao seu xuízo, trátase de "tentar suplir a falta de proxecto de país con cambios cosméticos e cambios de cromos", o que "demostra a incapacidade de enfrontar un momento tan importante no que Galiza merecería un goberno á altura".

Comentarios