Pontón reclama un plan de vacinación de "24 horas ao día"

A líder nacionalista non quere "nin máis erros nin máis improvisacións".
Ana Pontón, a semana pasada, no Parlamento da Galiza (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Pontón, no Parlamento da Galiza (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou este sábado a Xunta da Galiza a estabelecer un plan de vacinación que permita inocular doses "os sete días da semana e as 24 horas do día".

"A esperanza é vacinas, vacinas, vacinas, e non pode haber nin máis erros nin máis improvisacións", defendeu a parlamentaria, após o Consello Nacional celebrado no seo da formación nacionalista.

Así mesmo, Pontón solicitou coñecer todos os detalles da campaña para saber "quen vai revisar os expedientes de vacinación, como se vai facer o chamamento e cales van ser os lugares que se van empregar".

Desde o BNG piden ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, que deixe a "propaganda" nun asunto "tan serio", e que abra "todas as vías de presión" para garantir a chegada das novas doses "canto antes".

No tocante ás graves consecuencias que está a ter a terceira vaga da Covid na Galiza, Pontón instou a desterrar a "falsa dicotomía" entre saúde e economía: "Xa vimos a que desastre nos conduciu o seu esquema 'Salvar o Nadal'", salientou.

Críticas polo fracaso do plan de rescate á hostalaría

A líder nacionalista amosou unha postura crítica a respecto da falta de acordo na reunión mantida esta sexta feira entre administracións para artellar o plan de rescate á hostalaría: "Lamentamos profundamente o fracaso deste proceso de negociación debido á cerrazón do PP a través da Xunta, e do PSOE, a través das presidencias das deputacións e da Fegamp", afirmou.

"Uns e outros fixeron primar as súas posicións partidarias sobre a necesidade e urxencia dun grande acordo político de rescate a estes sectores", engadiu Pontón.

Comentarios