Pontón, convencida do "fin de ciclo" do PP, non teme un adianto electoral: "Estamos preparadas para afrontar ese reto"

A líder do BNG lamenta o "baile de datas" que "alimenta" o PP a respecto da convocatoria das eleccións galegas e acusa os populares galegos de estaren "subordinados ás directrices de Xénova".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. (Foto: Arxina)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveuse mostrar este domingo convencida do "fin de ciclo do PP" e asegurou que as nacionalistas asumen "a responsabilidade de ser a alternativa real" ao actual Goberno de Alfonso Rueda. "Estou convencida de que cando se convoquen as eleccións pode haber un cambio histórico cunha muller na presidencia e coas mans libres para defender os intereses dos galegos", defendeu, nunha entrevista na Cadena SER.

A líder do Bloque criticou o Executivo "esgotado" de Rueda, "sen ningún tipo de iniciativa nin capacidade para axudar á xente nunha situación de crise de prezos". Neste contexto, Pontón cre que se vai abrir "un novo ciclo político" no que Galiza "vai apostar por facer historia cunha presidenta libre para defender os intereses dos galegos".

Cuestionada sobre o papel que o PSdeG terá nese "novo ciclo político", a portavoz nacionalista aseverou que iso "o van a decidir os galegos co seu voto". E sobre se José Ramón Gómez Besteiro será o candidato dos socialistas, Pontón matizou que esa decisión corresponde ao PSOE, se ben recoñeceu que ao longo dos últimos anos falou e dialogou con tres portavoces socialistas e asegurou que o seguirá a facer coa persoa que sexa no futuro.

En canto ao chamamento da líder de Sumar e vicepresidenta segunda en funcións do Goberno español, Yolanda Díaz, a que as forzas de esquerdas na Galiza "camiñen xuntas" de cara ás eleccións ao Parlamento galego, Ana Pontón lembrou que se trata de "forzas políticas distintas" e que cada unha "ten que presentar a súa alternativa á cidadanía".

Adianto electoral?

No marco desta entrevista, a nacionalista tamén foi preguntada pola posibilidade dun adianto electoral, sobre o cal lamentou que se fale dun "baile de datas" que, na súa opinión, "o propio PP está a alimentar". "As eleccións van ser cando lle interese máis ao PP e non cando lle interese á Galiza. Nós estamos preparados para afrontar ese reto", insistiu.

O 'si' a Sánchez pasa por "compromisos coa Galiza"

E a respecto da previsíbel sesión de investidura á que se someterá nas vindeiras semanas o presidente español en funcións, Pedro Sánchez, Pontón reiterou que o 'si' ao candidato socialista pasa por unha negociación con "investimentos, compromisos e posturas a favor da Galiza". "Temos toda a disposición ao diálogo, pero a día de hoxe o PSOE non ten o 'si' do BNG. Non poden infravalorar a forza que nos deron os galegos nas urnas. Cada voto é decisivo e imos pór sempre por diante os intereses da Galiza", advertiu.

Preguntada por se o debate da amnistía pode "polarizar" e "contaminar" a política galega, a líder nacionalista afirmou que o debate "vai estar polarizado pase o que pase", porque o PP está "escorado cara a posicións máis radicalizadas". Nesta liña, manifestou que a política estatal xa deixou "ao descuberto" que o PPdeG "xa non existe", senón que hai un "PP de Madrid e un partido subordinado ás directrices de Xénova".

Comentarios