O PP comeza a precampaña en Silleda enxalzando o "estilo Rueda"

Alfonso Rueda inicia en Bandeira (Silleda) a súa campaña 'Galicia non para!', na que falará "de ti a ti" coa cidadanía que diferentes concellos.
O presidente da Xunta e do PP da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e do PP da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta e do PP da Galiza, Alfonso Rueda, fixo a súa primeira parada este domingo en Bandeira, no municipio dezao de Silleda, co autobús de 'Galicia non para!', o novo lema co que percorrerá o país co obxectivo de "manter un contacto máis directo" cos galegos e as galegas e "profundar así nas súas preocupacións reais".

O autobús instalouse na Praza da Feira e até alí achegáronse numerosos veciños. Todos eles, afirmaron desde o Partido Popular, tiveron a oportunidade de "conversar e tomar unha cervexa sen alcol" con Rueda, que chegou a Bandeira pouco despois do vehículo e que se mostrou "moi satisfeito de ter a oportunidade de manter este tipo de encontros directos e espontáneos coa cidadanía, sen intermediarios".

Durante as próximas semanas, o autobús de 'Galicia non para!' continuará a súa viaxe por diversos concellos de toda Galiza, no que semella o inicio da precampaña de cara a unhas eleccións ao Parlamento galego aínda sen data fixada e que serán o seu primeiro e grande exame para pór a proba o seu 'tirón' electoral.

Ademais, o PP puxo en marcha a páxina web www.rueda.gal, a través da cal convidan a cidadanía a trasladarlle a Alfonso Rueda "todo aquilo que lle preocupa, o que vai ben e o que cre que pode mellorar".

Deste modo, explican os populares, aquelas persoas que non poidan achegarse de maneira presencial aos lugares onde estea instalado o autobús da campaña poderán facer chegar as súas suxestións a través desta web.

Nestes encontros Rueda "falará coa xente de ti a ti", neste percorrido pola Galiza, abordando cuestións como "economía, emprego, familia, educación ou agro". Pola súa parte, a cidadanía "poderá facerlle chegar as súas incertezas e propostas directamente, nunha conversa persoal".

"Unha das máximas de Alfonso Rueda desde que asumiu a presidencia do PPdeG foi a de 'menos atril, menos distancia e máis ti a ti'", salientan desde a formación conservadora, ao tempo que reivindican "o estilo Rueda tan valorado e do que o líder dos populares galegos leva facendo gala todo este tempo".

Comentarios