18-F

Pontón pide unha mobilización masiva nun acto con cheo absoluto en Burela: "O cambio na Galiza está a unha presa de votos"

Avanza que unha das súas prioridades de Goberno será negociar co Estado unha intervención pública en Alcoa para garantir a actividade e o emprego.

Acto do BNG en Burela, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto do BNG en Burela, esta terza feira. (Foto: Arxina)

A candidata á Presidencia da Xunta da Galiza polo BNG, Ana Pontón, iniciou a xornada de campaña cun mitin en Burela, comarca da Mariña, onde fixo un chamamento a unha mobilización masiva para encher as urnas de votos ao BNG o 18 de febreiro porque o cambio na Galiza está “a unha presa de votos”, nun acto no que se rexistrou o cheo absoluto, con máis de 600 asistentes, malia tratarse da mañá dun día laborábel.

Pontón mostrouse convencida de que o cambio é imparábel porque cada día percibe como aumenta “a corrente de ilusión” cara ao  BNG, nos actos, nos mitins, nas redes sociais e na rúa, “cada día son máis as persoas que miran para nós coa esperanza de abrir un tempo novo”, explicou, instando a que “ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda porque está ao alcance da man ganar un futuro mellor e empezar a construír unha Galiza en grande”.

A líder nacionalista  avanzou que miles de persoas colleran por primeira vez a papeleta do Bloque e apelou a facer historia cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses do país, “porque a min ninguén me vai pór límites á hora de defender Galiza, nin desde Madrid nin desde ningún consello de administración”, proclamou.

"O mellor Goberno de todos os tempos"

Fronte aos intentos de desmobilización do Partido Popular, Pontón indicou, polo contrario, que estas son as eleccións máis abertas dos últimos tempos, o momento de cambiar o rumbo do país unindo todo o voto de cambio no BNG para darlle aos galegos e ás galegas o “mellor Goberno de todos os tempos” e facer historia cunha muller presidenta.

“Despois de 43 anos Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, pregúntovos: colocaron ó noso País no lugar que se merece? A resposta é clara, por iso penso, humildemente, que a Galiza vaille ir moito mellor cunha presidenta do BNG e pídolle os galegos e ás galegas á oportunidade de demostralo” dixo  en Burela, onde compartiu mitin con Olalla Rodil e Daniel Castro.

Neste sentido, indicou que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou seguir ancorados no pasado co PP e Alfonso Rueda, o mesmo que deixa unha Galiza  máis pequena, ou abrir un tempo novo cunha presidenta nacionalista capaz de mellorar a vida das persoas e cun proxecto de goberno para construír unha Galiza en grande.

Nerviosismo do PP

Na súa intervención, Pontón tamén ironizou co “nerviosismo” dun PP e dun Alfonso Rueda que premeron o “botón do pánico” nesta campaña electoral desesperados por trasladar a Galiza a crispación e as liortas de Madrid, todo para non falar da súa xestión  porque sabe que non se sostén.

Compromisos concretos coa Mariña

Neste sentido, avanzou como unha das súas prioridades de Goberno que vai negociar co Estado a intervención pública de Alcoa para garantir a actividade e os postos de traballo dunha empresa que, remarcou, é estratéxica para a comarca e para Galiza. “Necesitamos maior actividade económica, recuperar sectores produtivos e captar industria, e non podemos permitirnos o luxo de perder o que temos”, asegurou.

Comentarios