18-F

Pontón 'enche' en bastións e novas prazas nunha semana de suma de apoios: De Mújica, a Pérez Esquivel pasando por 'Morris' e Mabel Rivera

Pérez Esquivel, Ignacio Ramonet, Pepe Mujica, Beiras, Morris e, agora, Mabel Rivera.

A actriz galega Mabel Rivera, na súa mensaxe de apoio a Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A actriz galega Mabel Rivera, na súa mensaxe de apoio a Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, completou esta primeira semana de carreira cara ás urnas con mitins en Ferrol e Lugo onde volveu a encher o aforo do mesmo xeito que fixo en bastións da formación como Pontevedra, Allariz (comarca de Allariz-Maceda), Tomiño (O Baixo Miño), Ribeira (O Barbanza) e Soutomaior (comarca de Vigo), prazas de goberno nacionalista municipal de máis de dúas décadas nos primeiros casos e novas conquistas municipais do pasado 28 de maio.

Tamén foi unha semana na que Pontón recolleu apoios explícitos para a súa candidatura. Unha das primeiras voces que se pronunciou foi a do Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel, cuxo pai é de de Combarro, Poio(comarca de Pontevedra), e quen se pronunciou a través das redes sociais do xornalista tamén de orixe galega Ignacio Ramonet, o cal, un día despoi, pediu igualmente o voto para a candidatura de Pontón.

Outra das voces máis significativas foi a do ex presidente de Uruguai Pepe Mujica, quen pediu o voto para Ana Pontón. "A sorte da Galiza para quen vive no río da Prata non é un problema secundario. Demasiado sangue galego corre nas nosas veas", proclamou.

Transcendeu o mesmo día en que Pontón protagonizou unha charla co histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen tras máis dunha década fóra da organización que contribuíu a fundar volveu pedir o voto ao BNG e fechou filas, igual que Martiño Noriega, en torno ao "liderado" da candidata do Bloque.

Este sábado, xornada da cultura coa entrega dos premios Goya, o actor galego Antonio Durán 'Morris' revelou en redes sociais. "Sempre fun votante de esquerdas e nunca fixen público o meu voto, pero este ano sentindo as posibilidades de cambio e a capacidade para aglutinar de Ana Pontón, pero sobre todo vendo a ilusión de tanta xente nova noutro futuro para este país, teño a decisión de votar BNG", contou en X.

E este mesmo domingo, a formación nacionalista compartía nos seus perfís de redes sociais unha mensaxe en vídeo de Mabel Rivera, recoñecida actriz tanto de teatro, como de televisión e cinema, gañadora dun Premio Goya á Mellor actriz secundaria polo seu papel en Mar adrentro (2004).

Na mensaxe, Rivera pon en valor a necesidade de “xestionar ben” o país. “O meu país é Galiza, e aquí é onde vivo. Neste rural tan marabilloso que desde logo se chegase a estar ben xestionado seria a bomba. Eu penso que xustamente diso se trata, de empregar ben, de xestionar ben os nosos recursos, que os temos numerosos e diversos”, explica a actriz.

“Loitar pola nosa soberanía alimentaria, por un ensino público de calidade, por unha sanidade pública ben atendida, por uns medios de comunicación públicos sen censuras e sen manipulacións, e unha serie de cuestións que están perfectamente recollidas no programa electoral de Ana Pontón”, engade Rivera, para a continuación pedir o voto para o BNG. “E falando dela, eu creo que sería un grande avance en termos de igualdade termos unha presidenta. Eu aposto por ela e convídovos a facer o mesmo”, conclúe a mensaxe.

Comentarios